Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Verdillo fixo...

O Consello Parroquial de Verdillo fixo un detallado repaso das propostas trasladadas pola veciñanza a través das asembleas

O aglomerado da vía da Ponte de Bértoa ao Moucho e a instalación de 10 puntos de luz serán as próximas actuacións

Venres 9 de novembro do 2018

O Consello Parroquial de Verdillo reuniuse este venres

O Consello Parroquial de Verdillo reuniuse este venres

Os consellos parroquiais levan xa dous anos en funcionamento. Dende aquelas primeiras xuntanzas constitutivas foron presentando propostas de todo tipo, abordando problemas, mudando composicións e mesmo agrupándose, como sucedeu nas parroquias de Noicela e Rebordelos, que celebrarán a semana que vén a súa primeira reunión conxunta. En Verdillo, seguindo coas boas prácticas de xuntanzas moi ben ordenadas e documentadas, esta noite fíxose un detallado repaso das propostas trasladadas pola veciñanza a través das asembleas parroquiais.

Verdillo e Ardaña foron as últimas parroquias nas que se levou a cabo o plan integral de asfaltado das vías secundarias, e, de feito, como indicou o alcalde na xuntanza desta noite, “aínda faltan dúas por facer”. A valoración da actuación, despois de axustar os traballos de limpeza, é positiva, pero a veciñanza xa está pensando en novas actuacións, coma o ensanche da pista das Pozas ao cemiterio.

Os veciños e veciñas tamén se interesaron polo aglomerado da estrada que comunica A Ponte de Bértoa co Moucho. Será unha das próximas actuacións, porque xa hai unha proposta de contratación e será adxudicada en breve, explicou Evencio Ferrero. O que non terá tan fácil solución será a mellora da seguridade viaria na estrada provincial, porque os técnicos da Deputación, que a visitaron recentemente, non aceptaron a proposta para a instalación de lombos redutores da velocidade. Coma mal menor, a veciñanza propuxo que se reforce a sinalización.

A seguridade tamén está relacionada coa iluminación, e sobre as peticións recibidas neste sentido, 10 en total, o alcalde anunciou que está previsto atendelas antes de que remate o ano. Entre outras numerosas cuestións, o Consello Parroquial de Verdillo presentou un orzamento para o equipamento audiovisual do centro social e informou sobre as xestións que se están a levar a cabo para coñecer a orixe do topónimo.

Compartir: