Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Aldemunde fixo...

O Consello Parroquial de Aldemunde fixo un balance positivo das actuacións en marcha na parroquia

Todas as peticións realizadas serán atendidas entre este ano e o que vén, polo que a veciñanza pensa xa en novos proxectos

Venres 26 de outubro do 2018

O Consello Parroquial de Aldemunde reuniuse o xoves pola noite

O Consello Parroquial de Aldemunde reuniuse o xoves pola noite

A veciñanza de Aldemunde tivo moi claras desde a primeira xuntanza do Consello Parroquial cales deberían ser as actuacións prioritarias na parroquia máis pequena e menos poboada do noso concello. Establecéronse tres, das cales unha xa está executada e as outras dúas terán que estalo como moi tarde o 31 de decembro do 2019, porque son proxectos que xa están aprobados e orzamentados e a piques de saír a contratación.

O Consello Parroquial _ao que asistiron, ademais do alcalde, Evencio Ferrero, os concelleiros Luis Lamas, en representación do BNG; Aurelio Núñez, do PP, e José Bello Pallas, de TeGa_ fixo un balance positivo das actuacións en marcha. O aglomerado da pista que vai desde A Fonte ata Aldemunde de Arriba xa está rematado, pero quedouse en facer un seguimento durante o inverno para ver como resisten as zonas nas que se realizou un recheo para poder ensanchar a vía.

O alcalde informou de que dentro do proxecto de accesos a vivendas, que será contratado en breve, en Aldemunde incluíuse o camiño da Braña das Cubas, como pedira a veciñanza. Tanto esta obra coma o acondicionamento do campo da festa, que tamén entrará en contratación proximamente, teñen que estar rematadas antes de finais do ano que vén.

En Aldemunde tamén se pedira a colocación de tres puntos de luz, e por parte dos representantes municipais informouse de que están incluídos na ampliación do contrato coa empresa concesionaria do alumeado público que se aprobará o vindeiro luns no pleno, e que se agarda que estean colocados antes de fin de ano.

Unha vez atendidas esas actuacións prioritarias, por parte da veciñanza pénsase xa en novos proxectos, fundamentalmente enfocados a seguir mellorando a rede viaria tanto para o tráfico rodado coma para o peonil.

A próxima xuntanza quedou fixada para o 21 de marzo.

Compartir: