A pista do Centro Social de Sofán podería contar con dous carrís de circulación, aparcamento a un lado e beirarrúa ao outro

O Concello realizará, a proposta do Consello Parroquial, un levantamento topográfico e un plano que facilite a negociación da cesión dos terreos precisos

Xoves 25 de outubro do 2018

Evencio Ferrero explica a situación da vía no PXOM

Evencio Ferrero explica a situación da vía no PXOM

O ensanchamento da pista do Centro Social ao tanatorio é a principal teima do Consello Parroquial de Sofán, que despois de manter un primeiro contacto cos propietarios dos terreos, propuxo na xuntanza de onte a intervención directa do Concello de Carballo. Evencio Ferrero, que acudiu á reunión cun plano do PXOM, explicou que a vía figura no documento urbanístico cun ancho de 10 metros, polo que podería contar con dous carrís de circulación, beirarrúa nunha beira e aparcamentos na outra. Deste xeito cumpriríanse as dúas grandes demandas da veciñanza, que son mellorar a fluidez do tráfico rodado e garantir a seguridade dos peóns.

O alcalde quedou encomendado para encargar un levantamento topográfico que permita a elaboración dun anteproxecto para que a veciñanza “vexa como quedaría”. Con ese plano convocarase de novo ás persoas titulares dos terreos e explicaránselles os planes do Consello Parroquial. As únicas cesións que se piden son as que calquera propietario xa debería facer obrigatoriamente se quixese edificar ou pechar a súa parcela.

Ademais dalgunhas cuestións menores coma a reposición dun sinal, o traslado duns bancos ou a colocación dun armario no Centro Social, a veciñanza amosou moito interese en dous temas: por unha banda, as deficiencias do transporte público, sobre todo na zona de Albeiro e Calvelo, e, por outra, a normativa autonómica para a celebración de festas. 

No Consello Parroquial participaron, ademais de representantes do movemento asociativo e veciños/as a título individual, Inés Rodríguez, como representante do BNG; Cristian Puente, do PP, e José Bello Pallas, de TeGa.

Compartir: