Inicio Áreas Participación veciñal Novas Familias de Vilela expoñen no...

Familias de Vilela expoñen no Consello Parroquial os problemas de funcionamento do transporte escolar

O alcalde, Evencio Ferrero, comprometeuse a falar coa dirección do CEIP Nétoma-Razo e, se é preciso, tamén co delegado territorial de Educación

Sábado 20 de outubro do 2018

Unha parte dos/as asistentes ao Consello Parroquial de Vilela

Unha parte dos/as asistentes ao Consello Parroquial de Vilela

Na parroquia de Vilela hai seis nenos e nenas escolarizados no CEIP Nétoma-Razo. Entran no cole ás 09.40 e saen ás 14.40, pero ata as 15.30 non chegan para xantar. O problema, segundo explicaron algunhas das familias afectadas no Consello Parroquial, prodúcese porque, mentres para ir os/as usuarios/as do transporte se dividen en dous autobuses, á volta só hai un, que realiza “un percorrido turístico” case ata Caión, como o definiu unha das nais, e retrasa moito a chegada dos nenos e nenas de Vilela ás súas casas. As familias non entenden a supresión dese segundo autocar, e levaron o tema ao Consello Parroquial para ver posibles solucións.

O alcalde comprometeuse a facer unha primeira xestión coa dirección do CEIP Nétoma-Razo, xa que entende, como explicou na xuntanza, que calquera demanda educativa debe ser canalizada desde o colexio á Administración competente, neste caso a Xunta de Galicia. Se é preciso, Evencio Ferrero tamén se amosou disposto a trasladarlle o problema ao delegado territorial da Consellería de Educación. Todos os presentes, incluídos os representantes dos distintos partidos políticos, entenderon o problema e coincidiron en que as 15.30 non é unha hora para xantar para nenos e nenas tan pequenos.

Aumenta a natalidade

Anxo é o

Anxo é o "membro" máis novo dos consellos parroquiais

Nos últimos anos aumentou a natalidade en Vilela, o que incluso provocou nalgún consello parroquial certo debate sobre a necesidade de reabrir a escola, unha proposta que desbotou a Consellería de Educación. Na xuntanza deste venres estivo presente Anxo, que con só un mes de idade é, probablemente, o habitante máis novo da parroquia e, en todo caso, o “membro” máis novo dos consellos parroquiais. E, ademais, porque hai máis nenos tamén aumentan as demandas de servizos para eles, coma marquesiñas nas paradas do transporte ou máis espazos públicos de lecer como o que está previsto acondicionar xunto ao pombal.

Este proxecto foi outro dos que se falou na xuntanza deste venres, na que por parte da veciñanza trasladáronse varias peticións relacionadas coa limpeza de fontes, o alumeado, a recollida de lixo ou a cubrición do patio do local social para facilitar o desenvolvemento de actividades coma zumba, que ten moita demanda. Unha vez máis saíron a relucir os problemas de cobertura tanto de televisión coma de telefonía móbil, polo que de novo desde o Concello de Carballo se farán as solicitudes oportunas ás compañías operadoras.

Con respecto á seguridade viaria, da que xa se falara en reunións anteriores, o alcalde informou sobre a visita que realizaron ao noso concello a enxeñeira e o capataz da Deputación da Coruña a principios de mes para ver in situ as demandas dos distintos consellos parroquiais relacionadas coas vías provinciais. En principio, na zona do Castelo desbotaron a construción de lombos, pero tanto desde o Consello Parroquial de Vilela coma desde o Concello de Carballo seguiranse reclamando medidas que contribúan a mellorar a seguridade viaria.

Compartir: