Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Verdillo...

O Consello Parroquial de Verdillo centra as súas peticións na mellora da seguridade viaria

A veciñanza valora positivamente a nova sinalización, que inclúe o cambio de inicial do topónimo

Mércores 13 de xuño do 2018

A comisión de investigación sobre a orixe do topónimo da parroquia quedará para máis adiante porque “hai cousas máis importantes”, en opinión do Consello Parroquial de Verdillo. Así o manifestaron os representantes veciñais na xuntanza deste martes, na que se valorou positivamente a nova sinalización, que responde ás peticións presentadas en anteriores consellos tanto polo contido coma pola situación e mesmo polo cambio de inicial no nome da parroquia. Agora en todos os indicadores pode lerse Verdillo e non Berdillo. O da imaxe adxunta é un exemplo.

A mellora da sinalización era unha das prioridades do Consello Parroquial de Verdillo, e a mellora da rede e da seguridade viarias continúa a selo. Con respecto ao arranxo das pistas, o alcalde, Evencio Ferrero, informou de que as obras xa están adxudicadas e que se acometerán en breve. Sinalou ademais, en resposta ás dúbidas dun dos veciños, que o proxecto non só inclúe un bacheo integral senón tamén a limpeza de todas as cunetas.

O seguinte paso sería a mellora da seguridade, tanto nas vías locais coma, e sobre todo, nas provinciais. A veciñanza quere que se articulen medidas para reducir a velocidade dos vehículos e sobre todo que se fagan máis visibles os pasos de peóns con sinalización, pintura ou pasos elevados, segundo cada caso, e mesmo se amosaron dispostos a protestar ante a Deputación da Coruña se é preciso tanto por estas cuestións como pola ampliación da vía. Evencio Ferrero informoulles de que as xestións realizadas ata agora resultaron infrutuosas, mesmo malia que o Concello de Carballo se ofrece a co-financiar as obras e a asumir a titularidade da estrada unha vez realizadas. A petición do Consello Parroquial, o alcalde reiterará a petición ao organismo provincial.

Algunhas peticións para o centro social e a súa contorna, das que se trasladará información ao párroco; o cambio de emprazamento de algún colector do lixo, a reposición de puntos de luz ou a colocación doutro quitamedos (xa se puxo un) na ponte de Queo foron outras propostas, que se analizarán in situ nos vindeiros días. Así mesmo, a representación veciñal quedou encargada de solicitar orzamentos para varios equipamentos do centro social.

Compartir: