Inicio Áreas Participación veciñal Novas Máis de 50 persoas participaron...

Máis de 50 persoas participaron na primeira xuntanza informativa sobre o Plan Especial de Pedra do Sal

O documento conxugará a protección do espazo natural coa ordenación do núcleo rural, a mellora da rede viaria e dos servizos urbanísticos e a delimitación de solo para dotacións

Domingo 27 de maio do 2018

O proceso de elaboración do Plan Especial de Pedra do Sal e a súa contorna, previsto no PXOM, está a provocar expectación e participación. Á primeira xuntanza informativa aberta, celebrada onte no Centro Social de Imende (Noicela) asistirohn máis de cincuenta persoas, entre as que se atopaban o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Mobilidade e Planificación Urbana, Milagros Lantes; a voceira de Terra Galega, Estefanía Canosa; o concelleiro do PP Héctor García Andrade, e varios técnicos, entre eles o arquitecto municipal, Alfredo Garrote.

Aínda que ao final se abriu unha quenda de intervencións na que se expuxeron todo tipo de situacións, tanto xerais coma, sobre todo, particulares, a sesión foi meramente explicativa do momento no que se atopa o proceso e dos obxectivos perseguidos. Neste sentido, o plan especial, aínda en fase inicial, tratará de conxugar a protección do espazo natural coa ordenación do núcleo de Pedra do Sal, a mellora da rede viaria e dos servizos urbanísticos e a delimitación de solo para dotacións.

Os técnicos da empresa Monteoliva Arquitectura, encargados da redacción do documento, insistiron moito en que calquera intervención está moi limitada polas diferentes figuras de protección, de rango superior, que afectan ao espazo natural de Baldaio. Así, explicaron que o ámbito do plan especial caracterízase por ter “en pouco espazo unha zona moi rica en fauna, flora e formas xeolóxicas”. Na contorna de Pedra do Sal atópanse varias especies protexidas ou en vías de extinción que deben protexerse, ao tempo que hai que combater as especies invasoras que merman as poboacións das especies autóctonas, e que se propagan, principalmente, a través das rodas dos vehículos e das pisadas da xente.

Obxectivos

Partindo de todas esas limitacións, o plan especial ten varios obxectivos. Por unha banda, a ordenación do núcleo de Pedra do Sal, que é, como apuntou o equipo redactor, “o que máis afecta á veciñanza que habita nel”. Esa ordenación terá en conta a mellora da rede viaria tanto en canto a calidade coma a seguridade, accesibilidade ou aparcamento. “Non se pode permitir que os coches cheguen ata onde están chegando desde os anos 80 ou 90”, sinalan os técnicos, e por iso buscarán unha alternativa.

Outro dos hándicaps é a existencia dun parcelario moi fragmentado. “Chega un momento no que as parcelas son tan pequenas que non admiten a construción dunha vivenda. Iso tamén se vai analizar”, avanzaron. En canto ás edificacións existentes, dado que Pedra do Sal é un núcleo “moi consolidado que medrou sen orde”, tratarase de mellorar “establecendo unhas normas en canto a materiais, cores... e tamén para os peches, todo elo co obxectivo de mellorar o aspecto paisaxístico do núcleo”.

Os técnicos teñen como obxectivo tamén estudar a situación das redes urbanas de servizos como a auga, o saneamento ou Internet, ademais de soterrar os tendidos aéreos, analizar a recollida do lixo ou o uso de especies vexetais ornamentais que son pouco recomendables para a zona. “Estudaremos este tema e o plan establecerá unha regulación”, manifestaron.

E outra tarefa que teñen encomendada é delimitar solo para espazos públicos e dotacións. Neste momento, indicaron, só está previsto o uso residencial, pero tratarase de incorporar tamén solo para usos recreativos ou turísticos, sempre desde un punto de vista sostible, e de ampliar a superficie de uso público.

A tramitación, tal como explicaron, aínda será longa, e seguirase contando coa participación veciñal. Nestes primeiros meses de traballo, o equipo redactor e os técnicos municipais están a participar en reunións consultivas previas con diferentes organismos implicados. A última, o 22 deste mes,  foi conxunta coa Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Demarcación de Costas do Estado.

Compartir: