Inicio Áreas Participación veciñal Novas As infraestruturas hidráulicas...

As infraestruturas hidráulicas centran os investimentos previstos para este ano na parroquia de Razo

O Consello Parroquial solicita a construción de aseos-vestiarios no pavillón do colexio

Venres 25 de maio do 2018

O Consello Parroquial de Razo reuniuse o xoves pola tarde

O Consello Parroquial de Razo reuniuse o xoves pola tarde

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentou e entregou este xoves no Consello Parroquial de Razo documentación relativa ás obras que se van acometer nos vindeiros meses. O Concello realizará un importante investimento, próximo aos dous millóns de euros, en infraestruturas hidráulicas. A máis importante é a rede de abastecemento de auga, que tamén beneficiará á parroquia de Oza, que está incluída nos orzamentos deste 2018 cunha partida de 1.699.912,70 euros. O alcalde informou de que só faltan dous informes sectoriais para poder poñer en marcha o procedemento de contratación.

A que xa está adxudicada, e o contrato asinado, é a obra da rede de saneamento de Vilar de Cidre, que executará a empresa Construcciones López Cao e na que se investirán 160.204 euros. Os traballos comezarán en breve. Ademais, Evencio Ferrero avanzou que con cargo ao plan da Deputación da Coruña tamén se completarán este ano os saneamentos de Santa Mariña e Razo da Costa.

O Consello Parroquial realizou unha valoración positiva da mellora dos servizos, do mesmo xeito que destacou a recuperación da bandeira azul para a praia. E tamén puxo sobre a mesa novas propostas e peticións. Entre elas destaca a construción de aseos-vestiarios no pavillón polideportivo do CEIP Nétoma-Razo, co que existe un convenio de colaboración por parte do Concello de Carballo para que poida usarse fóra do horario lectivo. Así mesmo, a veciñanza expuxo a necesidade de ampliar o local social actual ou de construír un novo. Neste caso, Evencio Ferrero reiterou que por parte do Concello ofrécese en todas as parroquias a posibilidade de adquirir solo para equipamentos mediante o sistema de pago ao 50% entre os veciños e veciñas e o Concello, que, a maiores, costearía a construción do edificio.

A mellora da sinalización, o acondicionamento de paseos ou actuacións puntuais en algunhas pistas foron outros dos temas que se abordaron, pero sobre todo insistiron en xestionar coa Deputación da Coruña a construción da estrada prevista no PXOM, dada a alta sinistralidade existente na actual.

Compartir: