Inicio Áreas Participación veciñal Novas As prioridades de investimento fixadas...

As prioridades de investimento fixadas polo Consello Parroquial de Aldemunde serán realidade entre este ano e o que vén

O Concello de Carballo presentou na xuntanza deste xoves o proxecto para o acondicionamento do campo da festa, que supera os 112.000 euros

Venres 11 de maio do 2018

O Consello Parroquial de Aldemunde reuniuse o xoves pola noite

O Consello Parroquial de Aldemunde reuniuse o xoves pola noite

As prioridades de investimento establecidas polo Consello Parroquial de Aldemunde serán atendidas nos vindeiros meses. A obra máis reclamada pola veciñanza, o aglomerado da pista que vai desde A Fonte ata Aldemunde de Arriba, foi adxudicada recentemente e executarase durante o verán.

En canto á rede viaria, despois o asfaltado integral da rede viaria secundaria, os veciños e veciñas solicitaron a mellora da pista que vai desde a igrexa á Braña de Cubas. Tanto o alcalde coma o concelleiro de Obras e Servizos, representante do BNG no Consello Parroquial de Aldemunde, manifestaron que tamén está previsto asfaltala.

Luis Lamas explicou o proxecto do campo da festa

Luis Lamas explicou o proxecto do campo da festa

O outro gran proxecto era o arranxo do campo da festa, que xa estaba comprometido, aínda que pendente de coñecer o custe. Agora xa está elaborado o proxecto, que foi presentado na xuntanza deste xoves, e que supón un investimento de máis de 112.000 euros. Luis Lamas explicou que está previsto construír un muro de contención ata o cruce, sempre co permiso da propiedade; eliminar o palco, substituír as escaleiras por unha rampla e mellorar todo ese espazo publico. Evencio Ferrero manifestou que a intención do goberno municipal é executalo con cargo ao superávit do ano pasado, polo que tamén se iniciará o procedemento de contratación este ano.

En canto aos puntos de luz, en Aldemunde hai 3 solicitudes. O concelleiro de Obras e Servizos pediu á veciñanza que comunique as posibles peticións a maiores dado que se está a elaborar un proxecto para o conxunto do territorio. 

A próxima xuntanza quedou fixada para o 25 de outubro.

Compartir: