Inicio Áreas Participación veciñal Novas O goberno municipal comprométese...

O goberno municipal comprométese a incluír o centro social de Goiáns nos orzamentos do 2019

O Consello Parroquial presentou unha nova proposta para aglomerar a pista que comunica o local social coa igrexa

Venres 4 de maio do 2018

A parroquia de Goiáns tamén terá un centro social. Foi a prioridade establecida polos veciños e veciñas desde a primeira xuntanza do Consello Parroquial, houbo unha votación popular para elixir o emprazamento e xa se está a traballar na elaboración do plan especial de equipamentos e infraestruturas que fará posible a súa edificación. O alcalde presentou os planos da parcela, que ten un total de 2.984 metros cadrados, e na que se levantará un edificio dun máximo de 596 metros cadrados, que é o tope de edificabilidade, e ademais haberá un espazo para aparcamento e outras zonas verdes ou de ocio. Evencio Ferrero reiterou ademais o compromiso do goberno municipal de incluír o proxecto nos orzamentos do ano 2019. O Concello de Carballo pagará tamén, como vén facendo en todas as parroquias, o 50% do custe do terreo, unha solución criticada na xuntanza deste xoves polo representante de TeGa, José Bello Pallas. O alcalde defendeu este tipo de xestión conxunta, que tan bos resultados está a dar, e lembroulle que “cando gobernaban outros o Concello non poñía un céntimo e tiñan que pagar todo os veciños”.

Co proxecto do centro social en marcha, a veciñanza presentou como nova proposta o aglomerado da pista que comunica o local social coa igrexa e a estrada autonómica. Evencio Ferrero comprometeuse a elaborar o proxecto para coñecer o custe da actuación e a incluíla, se o Consello Parroquial considera que é unha obra prioritaria, tamén nos orzamentos do ano que vén.

Desde o Concello de Carballo tamén se fará unha petición á Xunta de Galicia para que acondicione a estrada xeral, que, tal como denunciaron os veciños e veciñas, cada vez está en peor estado. O alcalde asegurou que o Concello asumirá a titularidade da vía sempre e cando a Xunta realice previamente unha reforma integral.

O Consello Parroquial presentou tamén outras solicitudes sobre arranxos ou modificacións en diversos servizos públicos que se revisarán in situ por parte do Concello para intentar darlles solución o antes posible.

Compartir: