Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial quere render...

O Consello Parroquial quere render homenaxe ás Mártires de Sofán no centenario da súa morte

A veciñanza propón tamén a celebración dunha xuntanza informativa coas comisións de festas sobre a nova Lei de Espectáculos

Venres 20 de abril do 2018

O Consello Parroquial de Sofán reuniuse o xoves 19

O Consello Parroquial de Sofán reuniuse o xoves 19

O 16 de febreiro do 2019 cumpriranse 100 anos dos enfrontamentos entre a veciñanza de Sofán e a Garda Civil que se saldaron coas mortes de catro veciñas da parroquia: María Caamaño Pallas, Carmen Veira Souto, María Serrano Paz e Josefa Bolón Mato, as Mártires de Sofán. Coincidindo en esa efeméride, o Consello Parroquial de Sofán quere renderlles homenaxe e recuperar o proxecto do alcalde republicano Francisco Bolón de construír un monumento na súa memoria, que non chegou a materializarse. Foi unha das propostas que contaron co asentimento dos/as asistentes á xuntanza celebrada este xoves no centro social.

O Consello Parroquial abordou tamén outras cuestións, algunhas xa debatidas tamén en reunións anteriores, como a reposición de puntos de luz, a ampliación do número ou da capacidade dos contedores de lixo ou o control dos danos e as molestias que provocan as empresas madeireiras cando realizan talas. O alcalde, Evencio Ferrero, que presidiu a xuntanza, expresou a preocupación do Concello por solucionar as carencias do alumeado, un problema que está sobre a mesa na maioría dos consellos e que o goberno municipal pretende arranxar este ano.

Unha das prioridades establecidas no anterior consello, a ampliación da estrada do centro social, continúa pendente. Os/as representantes veciñais no Consello Parroquial convocaron aos propietarios dos terreos para explicar o proxecto e intentar conseguir a cesión do solo, pero ante as dúbidas e as reticencias expresadas por algúns deles, consideran que a xestión debe partir do Concello. Nese sentido acordouse preparar un plano para que a veciñanza poida ver con claridade o alcance da actuación proposta.

Pero este xoves tamén se falou de festas. Por parte de representantes da comisión no Consello Parroquial propúxose a celebración dunha xuntanza informativa con todas as entidades que se encargan da organización das festas no concello para dar a coñecer o alcance da nova Lei de Espectáculos. Precisamente na xornada de hoxe a concelleira de Seguridade, Milagros Lantes, xunto cos xefes da Policía Local e Protección Civil, participou nunha xornada convocada pola Academia Galega de Seguridade sobre a nova lexislación. Por parte do Concello de Carballo existe dispoñibilidade absoluta, unha vez coñecida a información pormenorizada, para trasladarlla ás comisións.  

Compartir: