O aumento da participación veciñal e a mellora da seguridade viaria, principais obxectivos do Consello Parroquial de Oza

A veciñanza presentará tamén unha proposta para adecuar as marquesiñas que son utilizadas máis coma punto de encontro veciñal que como paradas de autobús

Xoves 19 de abril do 2018

O Consello Parroquial de Oza reuniuse o mércores

O Consello Parroquial de Oza reuniuse o mércores

O Consello Parroquial de Oza é o menos numeroso do concello, e os representantes veciñais queren que deixe de ser así. Na xuntanza deste mércores analizaron as posibles causas desta situación e apuntaron algunhas das medidas que consideran que poderían adoptarse para que o consello sexa a canle que utilicen os veciños e veciñas para comunicarse co Concello de Carballo. 

Pero ademais desta cuestión organizativa, e de reflexións sobre aspectos como o aproveitamento máis axeitado e sostible dos recursos hídricos, os representantes veciñais presentes na reunión fixeron un repaso a algunhas das necesidades da parroquia. Unha vez que están en marcha proxectos tan importantes como o abastecemento de auga, que tamén chegará a Razo; a pavimentación do núcleo do Rodo con cemento ou o aglomerado da pista que vai desde a parroquia ata Bértoa, a veciñanza considera que hai que seguir pelexando pola mellora da seguridade viaria na estrada provincial. Os veciños e veciñas consideran insuficientes os sinais colocados a raíz dunha petición anterior e pediron que o Concello siga insistindo ante a Deputación na instalación de bandas redutoras da velocidade e na construción de beirarrúas ata a ponte da autoestrada.

Da xuntanza, na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira do BNG Mari Carmen Regueira, o popular Héctor García e o representante de TeGa José Bello, tamén saíu unha iniciativa encamiñada a adaptar as marquesiñas que son máis usadas coma punto de encontro veciñal que coma paradas de autobús. Os representantes veciñais elaborarán unha proposta de actuación neste sentido.

Compartir: