Inicio Áreas Participación veciñal Novas A cidadanía xa pode realizar as...

A cidadanía xa pode realizar as súas achegas aos plans especiais de Pedra do Sal e Arnados a través da web municipal

O Concello de Carballo aposta pola participación veciñal no desenvolvemento dos instrumentos urbanísticos que definirán as dotacións en dúas zonas sensibles do noso litoral

Luns 2 de abril do 2018

Os mecanismos de participación veciñal que se puxeron en marcha coincidindo co arranque do plan especial de Arnados-Razo xa están operativos tamén para o de Pedra do Sal. Á parte das xuntanzas e sesións informativas que se desenvolverán ao longo de todo o proceso, a cidadanía pode seguir os distintos pasos e realizar as súas achegas a través da web municipal. No apartado de Participación Veciñal están habilitados xa os accesos directos aos blogs creados expresamente polas empresas encargadas da elaboración dos documentos urbanísticos.

O espazo web de Arnados xa leva uns meses funcionando coma canle de comunicación directa entre a veciñanza e o equipo redactor. E agora súmase tamén o de Pedra do Sal co obxectivo, tal como se explica no propio blog, de acadar “unha construción colectiva e multidisciplinar entre os distintos axentes implicados no plan, baseada nun entendemento compartido da realidade, das necesidades e posibilidades do territorio, e, deste xeito, dar respostas adecuadas e sustentables, dentro da protección dos valores e das limitacións ambientais e sectoriais”.

Que é un plan especial?

Os plans especiais están previstos na Lei do Solo de Galicia como instrumentos urbanísticos orientados a “protexer ámbitos singulares, levar a cabo operacións de reforma interior, coordinar a execución de dotacións urbanísticas e protexer, rehabilitar e mellorar o medio rural”. No caso concreto da Pedra do Sal, xa no Plan de Ordenación do Litoral (POL) coma no Catálogo das Paisaxes de Galicia se incide na necesidade de mellorar unha serie de aspectos deste asentamento relacionados coa calidade ambiental, natural, paisaxística e urbana do mesmo a través dunha “área de recualificación” que aparece definida no PXOM como o “Plan especial de ordenación do núcleo rural de Pedra do Sal e protección do seu entorno”.

Ámbito do Plan Especial de Pedra do Sal

Ámbito do Plan Especial de Pedra do Sal

O ámbito do plan, como pode verse na imaxe adxunta, abrangue o núcleo de Pedra do Sal e a urbanización O Pinar, en contacto directo coa lagoa e a praia, e afecta tanto ao solo de núcleo rural común como a áreas de solo rústico de protección de costa e espazos naturais. Con este documento urbanístico trátase, ademais de cumprir o establecido no POL, de preservar a paisaxe e os espazos naturais da zona de Baldaio; protexer, rehabilitar e mellorar os elementos característicos da arquitectura da zona; ordenar a edificación no núcleo de Pedra do Sal, completar e ordenar as dotacións, os accesos e redes de servizos; ordenar sen edificar os terreos baleiros en zona de servidume do dominio público marítimo-terrestre; ordenar os usos e actividades, así como a mobilidade e accesibilidade as praias, desenvolver a senda litoral prevista no PXOM e establecer accións de recuperación medioambiental e paisaxística para as zonas degradadas.

Compartir: