Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Verdillo...

O OBXECTIVO FINAL É CONVOCAR UNHA CONSULTA POPULAR E IMPULSAR, SE É O CASO, O CAMBIO DO NOME DA PARROQUIA

O Consello Parroquial de Verdillo promove a creación dunha comisión de expertos para investigar o topónimo

O órgano de representación veciñal fixo repaso este venres das actuacións realizadas nos últimos meses e abordou as necesidades pendentes

Sábado 10 de marzo do 2018

Na primeira xuntanza do Consello Parroquial de Verdillo decidírase, a proposta dos/as representantes veciñais, utilizar o topónimo con V, materializando deste xeito unha reivindicación moi estendida na parroquia. Pero agora queren cuantificar ata onde chega, e consideran que a fórmula axeitada sería unha consulta popular. 

Sen embargo, antes de chegar a ese punto, que requiriría da aprobación por parte do Consello de Ministros, na reunión deste venres decidiuse realizar outras xestións. A primeira consistirá na creación dunha comisión de expertos para investigar o topónimo e determinar se realmente o cambio do B polo V estaría xustificado. As conclusións dese estudo serían remitidas á comisión de toponimia da Xunta de Galicia co obxectivo, se é o caso, de acadar o seu apoio para materializar o cambio. Na xuntanza do Consello Parroquial quedou claro, en primeiro lugar, que o topónimo é unha cuestión moi importante para a veciñanza, e, segundo lugar, que Verdillo imponse no uso cotiá a Berdillo.

Xunto a esta interesante proposta, o Consello Parroquial de Verdillo fixo balance das actuacións realizadas, entre elas o reclamado portalón de peche das pistas polideportivas, e doutras que seguen pendentes como o asfaltado das pistas, que se acometerá tan pronto como o tempo o permita. Moitas das demandas quedaron pendentes dunha visita sobre o terreo que se realizará en breve, e que permitirá, por exemplo, establecer un orde de prioridade para o arranxo dos camiños de zahorra, mellorar a sinalización ou instalar pequenos treitos de canalizacións, colectores ou varandas en distintos puntos da parroquia.

Pero do que máis se falou foi das posibilidades de mellorar as condicións de circulación tanto na ponte de Queo coma na da Cheda. Con respecto a esta última o concelleiro de TeGa José Bello Pallas presentou e solicitou a execución dun proxecto por importe de 460.000 euros que fora encargado polo seu compañeiro de partido Manuel Andrade no ano 2006, cando era concelleiro de Urbanismo. O alcalde dixo descoñecer a existencia dese documento e insistiu en que “non se pode comprar un urbanizable enteiro, destinar todo o superávit a cambiar o fibrocemento, facer a ponte da Cheda... Non podemos facer en dous días o que non se fixo en 50 anos. Temos que priorizar”. Aínda así, Evencio Ferrero quedou co proxecto e comprometeuse a revisalo para ver cal sería o seu custe actual e se habería posibilidades de co-financiamento con outras Administracións, como propuxo a veciñanza dado o elevado orzamento da obra.

Compartir: