Inicio Áreas Participación veciñal Novas Os consellos parroquiais de Rebordelos...

Os consellos parroquiais de Rebordelos e Noicela poñen en marcha o proceso para fusionarse

A medida foi proposta pola veciñanza en vista de que moitas das cuestións que afectan ás dúas parroquias son comúns

Sábado 3 de marzo do 2018

“Por proximidade, compartir igrexa e cemiterio parroquiais, pistas, problemas, necesidades, etc”, como se puxo de manifesto onte en Imende, os consellos parroquiais de Rebordelos e Noicela converteranse en breve no Consello Parroquial de Rebordelos e Noicela. A proposta de fusión partiu da veciñanza en ámbolos dous casos e ademais por consenso. E será tamén a parte veciñal a que se poña en contacto para poñer en marcha o proceso de integración e convocar, en consecuencia, a primeira asemblea veciñal conxunta.

Tanto en Rebordelos coma en Noicela coincidiron en que, pola delimitación xeográfica, comparten moitas infraestruturas, servizos e problemas. De feito, o Consello Parroquial de Rebordelos víñase reunindo na antiga escola de Noicela. Agora ábrese a posibilidade, ademais, de facer xuntanzas alternas nese edificio e no Centro Social de Imende, sede do Consello Parroquial de Noicela, pero todas as decisión tomaraas a veciñanza. Por parte dos representantes políticos presentes tanto nun coma noutro consello tamén se acolleu satisfactoriamente a proposta.

Propostas veciñais en Rebordelos

Consello Parroquial de Rebordelos

Consello Parroquial de Rebordelos

Pero isto non foi, nin moito menos, do único que se falou nin nun lado nin no outro. En canto ás propostas concretas, en Rebordelos continúan preocupados pola confusión cos códigos postais. O alcalde explicou que xa se reuniu ao respecto co director da oficina de Correos, que asegurou que estaba solucionado o problema, pero como polo visto non o está, volverá a reunirse. Evencio Ferrero quedou comprometido tamén para comprobar a titularidade do camiño que vai do cruceiro á ría para ver a posibilidade de arranxalo como paseo peonil de zahorra; a xestionar con Gestagua, empresa concesionaria do ciclo integral da auga, unha serie de melloras, ou a reparar un treito dunha pista moi usada para camiñar.

Propostas comúns

Por outra banda, a veciñanza expresou a súa queixa pola supresión de varios servizos de transporte público. E ademais abordáronse varias cuestións que se repetiron onte en Noicela, como a mellora da visibilidade no cruce da estrada que vai á Laracha, a mellora da estrada da praia ou a da vía municipal que atravesa as parroquias de Lema, Noicela e Rebordelos.

As tres están en vías de solución pero en distintas fases. En canto á primeira, un dos veciños quedou comprometido a falar coa propiedade para proceder á talar das árbores que, sobre todo no verán, impiden ver; sobre a segunda existe o compromiso da Deputación de ampliala e mellorala se se conseguen os pasos. A día de hoxe, das 256 parcelas, hai autorización para ocupar unhas 110, e desde o Concello intentarase que o organismo provincial acometa polo menos os tramos máis longos nos que se dispoña do terreo. En canto á última, o alcalde informou de que a obra só está pendente de contratación. Á licitación presentáronse 9 empresas e agárdase que estea lista antes de que remate o verán.

Outro tema común é o abastecemento de auga. O alcalde informou da recente reunión que mantivo co presidente da Xunta, na que, entre outras, reiteroulle a petición da traída ás parroquias de Lema, Rebordelos, Noicela e Vilela, que suporá un investimento de 1 millón de euros. Evencio Ferrero expresou o seu desexo de contar coa colaboración da Xunta, pero engadiu que, no caso contrario, o Concello de Carballo intentará financialo con fondos propios con cargo aos orzamentos do 2019.

Propostas presentadas en Noicela

Consello Parroquial de Noicela

Consello Parroquial de Noicela

No Centro Social de Imende saíron a relucir, ademais desas, outras cuestións como a falta de hixiene nun solar abandonado, cuxa limpeza consideran unha prioridade. Evencio Ferrero explicou que a nova lei da Xunta facilita este tipo de intervencións, e que se iniciará o trámite na Oficina Técnica Municipal. A veciñanza tamén escolleu o emprazamento para un espazo público con parques infantil e para maiores: o Campo do Galo. Desde o Concello visitarase a parcela para ver que posibilidades ofrece.

O alumeado público, a reparación das vías de cemento ou a seguridade dun pasamáns foron outras propostas, e ademais pediron información sobre o Plan Especial de Pedra do Sal. O alcalde apuntou que, como en Razo, abrirase xa en breve un proceso de participación veciñal.

Compartir: