Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Ardaña...

O Consello Parroquial de Ardaña celebrou a súa primeira xuntanza no novo centro social

A veciñanza presenta novas ideas para seguir dinamizando a parroquia

Venres 2 de febreiro do 2018

O xoves foi día de estrea para o Consello Parroquial de Ardaña, que se reuniu por primeira vez no novo centro social. Desta infraestrutura, precisamente, falouse na xuntanza, porque os veciños e veciñas queren seguir dinamizando a parroquia con máis e mellores servizos, e por iso a prioridade agora é a pavimentación do campo da festa. O alcalde, Evencio Ferrero, anunciou que a memoria para acometer esta actuación está lista, que inclúe ademais o acceso ao cemiterio, e que se fará este mesmo ano. “Intentantemos que sexa antes das festas”, engadiu ante unha pregunta ao respecto por parte dos representantes da comisión. Tamén está previsto soterrar a liña telefónica, o que permitirá eliminar dous postes.

O concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo, que é o representante do BNG no Consello Parroquial de Ardaña, ofreceuse para convocar unha xuntanza de todos os colectivos da parroquia de cara á elaboración dun regulamento de uso do centro social, de xeito que, como no resto das parroquias, sexan as propias asociacións as que xestionen e coiden o centro social. O PP estivo representado por Ana Casais; Terra Galega, por Estefanía Canosa, e a portavoz do PSOE excusou a súa ausencia.

Entre as novas propostas para seguir dinamizando a parroquia estaría, a máis longo prazo, a posibilidade de cubrir o campo de deporte situado xunto á escola, aínda que antes de tomar unha decisión será preciso comprobar se o Plan Xeral de Ordenación Municipal permite acometer unha actuación dese tipo, explicou o alcalde.

A veciñanza interesouse pola mellora da rede viaria, que está en fase de contratación. Evencio Ferrero asegurou que as obras estarán listas antes de que remate o verán. Os representantes veciñais engadiron a necesidade de acondicionar a pista de zahorra que vai desde A Cesta a Barís, lembraron as obras das beirarrúas en Barís e tamén pediron que se estudase a posibilidade de chegar a un acordo coa Igrexa para acondicionar a finca da casa reitoral.

Ademais de pequenas intervencións como a colocación de soportes de contedores, a poda dunhas árbores ou a limpeza de dúas fontes, o Consello Parroquial de Ardaña presentou a posibilidade de seguir estendendo a rede de abastecemento de auga. A este respecto, Evencio Ferrero manifestou que este ano farase a traída de Razo e Oza, no 2019 acometerase a das parroquias da zona de Baldaio, e para o 2020 a intención é estendela pola estrada de Santiago ata Rus, onde tamén hai unha petición nese sentido do Consello Parroquial.

Compartir: