Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Rus...

O Consello Parroquial de Rus intentará xestionar os terreos precisos para ampliar a estrada da Canosa ao centro social

A mellora da rede viaria é a máxima prioridade da veciñanza

Xoves 16 de novembro do 2017

O Consello Parroquial de Rus reuniuse o mércores no local social de Ramil

O Consello Parroquial de Rus reuniuse o mércores no local social de Ramil

Os/as representantes veciñais no Consello Parroquial de Rus deixaron claro que a súa prioridade é o acondicionamento da rede viaria. Á parte das obras de reforma integral das pistas secundarias, que xa comezou coa limpeza de cunetas na parte alta da parroquia, a veciñanza reclama a actuación inmediata do Concello para solucionar problemas puntuais de fochancas e, sobre todo, unha mellora da seguridade viaria.

Nese sentido, na xuntanza celebrada o mércores presentáronse varias iniciativas. Con respecto á reivindicación dunha sinalización máis efectiva no cruce da Canosa, que xa se pedira na reunión anterior, o Consello Parroquial de Rus considera insuficientes as marcas viarias que vén de pintar a Deputación da Coruña, titular da vía. Os veciños e as veciñas queren un pintado semellante ao que se realizou na travesía de Oza, e este mércores pediron, a maiores, a colocación de bolardos no cruce para evitar que aparquen os coches, xa que impiden a visibilidade. Outra demanda xa coñecida é a construción de beirarrúas na estrada provincial que vai desde A Canosa ata o local social, e a este respecto acordouse intentar xestionar os terreos precisos na beira esquerda (cara abaixo) coa intención de cederllos á Deputación e que acometa as obras.

Outras peticións

O Consello Parroquial de Rus fixo un repaso ás demandas anteriores. Con respecto á mellora viaria deuse conta do inicio dos traballos; sobre a eliminación do cableado da igrexa de Santa María, o alcalde anunciou que o proxecto xa está feito e que se incluirá nos orzamentos do 2018 con máis de 40.000 euros; en canto á reforma dos locais sociais de Ramil e Outón, as obras están adxudicadas e empezarán a partir da semana que vén, e sobre o saneamento dixo Evencio Ferrero que están en proceso de contratación.

A veciñanza expresou a súa preocupación pola escaseza de auga, un problema xeneralizado no noso concello e en toda Galicia; insistiu na reposición de puntos de luz, demandou a limpeza de varios treitos e da reposición de sinais da Ruta das Férvedas e ademais interesouse pola posible participación do Concello de Carballo nun proxecto de microtoponimia que está a desenvolver a Xunta de Galicia.

Compartir: