Inicio Áreas Deporte Novas 1.700 persoas de 0 a 90 anos participan...

1.700 persoas de 0 a 90 anos participan nas actividades deportivas con monitor/a que organiza o Concello de Carballo

A Concellaría de Deporte incrementou as prazas de natación infantil un 22,5%, o que permitiu reducir case na súa totalidade as listaxes de agarda para usuari@s abonad@s entre os nados no 2014 e anteriores

Mércores 15 de novembro do 2017

Na escola de natación infantil reduciuse a lista de agarda para abonados/as a partir de 3 anos de idade

Na escola de natación infantil reduciuse a lista de agarda para abonados/as a partir de 3 anos de idade

Un total de 1.700 persoas, repartidas en 11 grupos, participan este curso nas actividades deportivas dirixidas que organiza o Concello de Carballo a través da Concellaría de Deporte. Deste xeito, os/as monitores/as imparten un total de 202 horas semanais de actividade para grupos diversos en canto a modalidade deportiva ou idade, xa que entre os/as asistentes ás clases hai carballeses e carballesas de cero a máis de noventa anos.

A maior parte da oferta constitúena as actividades acuáticas. Este curso destaca o aumento das prazas de natación infantil nun 22,5%, xa que pasaron das 532 do ano pasado ás 652 actuais. Este incremento permitiu reducir case na súa totalidade as listaxes de agarda para usuarios/as abonados/as que solicitaron praza antes do inicio do curso para nenos e nenas nados no 2014 e anos anteriores. A demanda segue a ser alta nos casos dos/as usuarios/as menores de 3 anos de idade e dos/as non abonados/as, polo que desde o departamento de Deportes seguiremos a traballar para reducilas.

Oferta de actividades dirixidas

  • Escola de natación infantil: grupos de 0-2, 3-5, 6-8 e máis de 9 anos. Nos tres últimos foi onde se deu cabida este ano a todos os abonados en lista de agarda anterior a setembro.
  • Escola de natación para adultos: hai moita demanda, pero sen listas de agarda significativas.
  • Natación terapéutica
  • Natación 3ª idade
  • Aquagym
  • Natación embarazadas
  • Ximnasia mantemento adultos/as
  • Exercicio físico para maiores: hai 7 grupos no pavillón Vila de Noia e 12 no resto das parroquias (Sofán, Berdillo, Cances, Entrecruces, Imende, Noicela, Razo, Ramil de Rus, Outón de Rus, Oza, Artes e Sísamo).  

Entre estas 1.700 persoas, que utilizan asiduamente as instalacións deportivas municipais, non figuran as usuarias da sala fitness ou de baño libre nin as pertencentes ao asociacionismo deportivo.

Compartir: