Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Verdillo...

O Consello Parroquial de Verdillo considera que o Concello debe centrar o esforzo nos servizos básicos

Rede viaria, alumeado ou saneamentos son as prioridades da veciñanza

Sábado 4 de novembro do 2017

O Consello Parroquial de Verdillo (con V por decisión do propio consello) considera que o Concello de Carballo debe centrar os seus esforzos, no que se refire á zona rural, na extensión dos servizos básicos. A rede viaria, o alumeado ou os saneamentos deben ter prioridade, segundo expuxeron na xuntanza de onte. Neste sentido consideran que desde que se celebrou o primeiro Consello Parroquial, o 3 de marzo, en Berdillo tense avanzado menos que noutras parroquias, especialmente porque, xunto con Ardaña, serán as últimas nas que se realice a reparación integral das vías secundarias que está a levarse a cabo en todo o termo municipal.

A este respecto, o alcalde informou de que xa rematou o prazo para que as empresas presentasen as súas ofertas e que as obras adxudicaranse este ano, aínda que non poderán acometerse ata o vindeiro porque haberá que esperar a que pase o inverno. Evencio Ferrero anunciou ademais que nos orzamentos do 2018 incluirase o financiamento necesario para realizar o aglomerado, pintado e sinalización da estrada que vai desde o Moucho ata o cemiterio de Bértoa, moi transitada.

Por parte dun sector insistiuse na necesidade de completar a rede de saneamento nos lugares do Alto, O Aseñado e Casas Novas. “Aínda que afecte a poucos veciños é unha prioridade”, apuntaron. O alcalde explicou que o Concello leva feito un importante esforzo en saneamentos, e que Berdillo é unha das parroquias onde o servizo está máis estendido. “Hai necesidades en todas as parroquias. Temos algún núcleo de 30 casas sen saneamento e temos que actuar primeiro onde máis falta fai, porque os cartos non se poden estirar e para todo non dan”, sinalou Ferrero. De cara ao vindeiro ano comentou que, por decisión de todos os grupos da corporación, o canon da auga destinarase ao abastecemento a Razo e Oza. A representante de TeGa preguntou se podería incluírse algún dos saneamentos de Berdillo, pero o alcalde dixo que no 2018 non está previsto.

O Consello Parroquial valorou positivamente a rápida resposta do Concello ás actuacións menores solicitadas nas xuntanzas anteriores, algunha concreta como a realizada na escola do Añón, e pediu que, sen descoidar as pequenas necesidades, se avance agora nas de maior calado.

Compartir: