Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Sofán...

O Consello Parroquial de Sofán establece como actuación prioritaria o ensanchamento da pista do centro social

A propia veciñanza realizará os contactos cos propietarios dos terreos afectados para xestionar as cesións

Mércores 4 de outubro do 2017

O Consello Parroquial de Sofán considera que é prioritario o ensanchamento da pista que vai do centro social ao tanatorio, tanto para mellorar a fluidez do tráfico rodado como para garantir a seguridade dos peóns mediante a construción de beirarrúas. O Concello de Carballo está disposto a acometer a obra, pero é imprescindible dispoñer dos terreos. Na xuntanza celebrada onte, o Consello Parroquial decidiu poñer mans á obra e realizar os contactos cos propietarios, aos que convocará a unha xuntanza para explicar o obxectivo do proxecto e intentar xestionar as cesións correspondentes. Para facilitar ese labor, o Concello colocaría unhas estacas (como tamén se fixo na estrada da Pedra do Sal) para que os donos das fincas saiban o que terían que ceder.

A veciñanza valorou moi positivamente, por outra banda, os traballos de mellora da rede viaria secundaria que se están a realizar nestes momentos, e que foran unha demanda do consello anterior.

Melloras no centro social

O Consello Parroquial fixo balance das melloras realizadas no centro social despois das peticións realizadas na anterior xuntanza. De feito, a reunión celebrouse no novo salón de actos da planta baixa. Antes estaba no primeiro andar, e o cambio fora unha das solicitudes presentadas. A veciñanza insistiu na necesidade de crear dúas quendas para o programa de exercicio físico para maiores dada a gran demanda existente. Ademais valorouse de maneira positiva a celebración de bailes nos centros sociais das parroquias, entre eles o de Sofán, todos os domingos deste mes.

Saneamentos

Onte falouse tamén de saneamentos. O alcalde apuntou que está en execución o do Cotote, e avanzou que na próxima xunta de goberno iniciarase o expediente de contratación dos proxectos de A Ermida, A Rachola e Cadabuxo, cun orzamento de 99.272,94 euros, e Pedra da Galiña e Monte do Rei, por 72.105,88 euros, que se financiarán co canon da auga. Evencio Ferrero recoñeceu que falta moito por facer, pero que desde o Concello de Carballo seguirase a priorizar este tipo de investimentos.

Aparcamento do colexio

A raíz dunha pregunta realizada polo representante de TeGa, José Bello Pallas, tanto o alcalde como o representante da SD Sofán explicaron a situación da finca adquirida a medias entre a parroquia e o Concello xunto ao colexio. Ámbolos dous explicaron que a iniciativa partiu da ANPA para a construción dun aparcamento, pero que como a propiedade non estaba disposta a segregar adquiriuse toda a parcela coa intención, de cara ao futuro, de facer un campo de fútbol. Posteriormente xurdiu a posibilidade de investir no recinto do Carral, que pasou a ser de titularidade municipal, e coas obras que xa están en execución para substituír a herba por céspede artificial quedan atendidas as necesidades do club, co cal considerouse que non era preciso construír outro campo. Evencio Ferrero aclarou que “non se tomou ninguha decisión sen contar co club de fútbol”. Na superficie sobrante do aparcamento, que sigue a disposición da parroquia, aproveitouse para realizar unha plantación de árbores.

Compartir: