Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Aldemunde...

O Consello Parroquial de Aldemunde establece novas peticións de investimento unha vez atendida a prioridade da anterior xuntanza

O alcalde comprometeuse a incluír nos orzamentos do 2018 demandas veciñais como o arranxo do campo da festa

Venres 22 de setembro do 2017

No Consello Parroquial celebrado o 7 de abril establecérase como obra prioritaria para Aldemunde o aglomerado da pista que vai desde A Fonte ata Aldemunde de Arriba. Esa demanda veciñal está en vías de solución, como informou o alcalde no Consello Parroquial que tivo lugar este xoves 21 no local da antiga escola. De feito, con cargo ao superávit do ano pasado xa se aprobou por parte do pleno o investimento preciso para acometer esa actuación, que será contratada este mesmo ano e executarase, en función do tempo, na vindeira primavera. Eses son os prazos aproximados que Evencio Ferrero deu na xuntanza desta semana, na que se estableceron, en consecuencia, novas prioridades de investimento.

Outra das demandas veciñais era o arranxo das pistas asfaltadas, que comezará en cuestión de días, xa que as obras forman parte do proxecto de mellora integral da rede viaria secundaria no que tamén figura a parroquia de Entrecruces, onde as máquinas xa están traballando. Unha vez executados estes traballos, a veciñanza de Aldemunde tamén quere, no que respecta ás comunicacións, que se mellore a pista da Igrexa á Braña das Cubas.

De cara ao ano que vén Evencio Ferrero comprometeuse a acometer o arranxo do campo da festa, aínda que neste caso, como explicou o concelleiro Luis Lamas, representante do BNG no Consello Parroquial de Aldemunde, aínda hai que facer o proxecto e cuantificar o investimento preciso.

Igual que na xuntanza de abril, nesta ocasión volveuse a falar sobre o acondicionamento da senda da Ribeira da Pena e, sobre todo, do alumeado, un asunto que xerou certo debate. Na reunión tamén estiveron o PP e TeGa. O representante deste último partido pediu ao alcalde que informase sobre as posibilidades de ampliar os puntos de luz actuais. Evencio Ferrero explicou que está previsto incluír nos orzamentos do 2018 unha partida para a adquisición de luminarias co obxectivo de repoñer algunhas das que se suprimiron no seu momento ou de colocalas en vivendas de nova construción que carecen de iluminación pública. Ademais, o Concello de Carballo está a negociar con Fenosa a substitución dos focos polos que aínda se paga a tanto alzado.

Compartir: