Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Rebordelos...

O Consello Parroquial de Rebordelos xestionou os pasos para solucionar o problema de enchentes do río de Sambade

Tamén colaborará co Concello para conseguir os permisos necesarios para ampliar a estrada provincial e para habilitar un paseo desde o cruceiro ata a ría

Venres 15 de setembro do 2017

O traballo do Consello Parroquial de Rebordelos xa está dando froitos. Grazas ás xestións realizadas polos veciños e veciñas que o integran será posible poñer solución a un problema que se remonta varias décadas atrás. Cando se construíu a estrada, hai uns 50 anos, eliminouse o paso natural do río de Sambade, coñecido pola veciñanza como río Vello, e desde aquela, sempre que hai enchentes, a auga reborda. Para intentar acabar con este problema, os representantes veciñais no Consello Parroquial contactaron cos propietarios das fincas da ribeira, que tamén asistiron á xuntanza celebrada onte, e conseguiron os pasos precisos para instalar unha canalización que permita evitar o atasco.

Dado que esa zona estará afectada polas obras de aglomerado da estrada, para as que xa existe consignación orzamentaria con cargo ao superávit do ano pasado, o alcalde propuxo agardar para acometelas ata que estea realizada a nova canalización por parte do Concello. Así mesmo, Evencio Ferrero comprometeuse a atender a petición para anchear a calzada sempre que se consiga a cesión dos terreos.

Colaboración para novos proxectos

Pero a colaboración entre Concello e veciñanza en Rebordelos irá aínda máis alá, tanto para xestionar os pasos precisos para a mellora da estrada provincial como para habilitar un paseo desde o cruceiro ata a ría. A concelleira socialista Mari Carmen Vila -que tamén asistiu ao Consello Parroquial, xunto con Aurelio Núñez, do PP, e Estefanía Canosa, de TeGa- ofreceuse así mesmo para botar unha man.

Con respecto á ampliación da estrada provincial, que afecta a varias parroquias, o alcalde explicou que o único que se pide aos propietarios é a cesión ata a liña de edificación que xa está consolidada e que, en calquera caso, deberían ceder gratuítamente no caso de querer pechar as parcelas. Desde o Concello de Carballo apélase á colaboración veciñal para poder acometer unha mellora de interese xeral e evitar un proceso de expropiación que podería retrasar a obra varios anos.

En canto ao paseo pola costa, Evencio Ferrero informou de que a proposta, que xa fora presentada en varios consellos parroquiais na anterior rolda e xuntanzas, foi trasladada á Demarcación de Costas. Desde este organismo existe boa disposición sempre e cando o camiño discorra por fóra do dominio público.

No Consello Parroquial de Rebordelos tamén se puxeron sobre a mesa outras peticións de menor calado que o Concello de Carballo estudará e intentará atender o antes posible.

Compartir: