Inicio Áreas Deporte Novas O Concello de Carballo súmase...

O Concello de Carballo súmase á iniciativa da Escola Basket Xiria para levar o baloncesto á zona rural

“Vive o deporte, desfruta do baloncesto na túa parroquia” comezará este sábado 9 en Berdillo e continuará o 16 en Sísamo e o 23 na Brea

Xoves 7 de setembro do 2017

O Concello de Carballo súmase a unha campaña promovida pola Escola Basket Xiria para descentralizar a actividade deportiva. A iniciativa, que ten como lema “Vive o deporte, desfruta do baloncesto na túa parroquia”, conta tamén co apoio dos Consellos Parroquiais e do movemento asociativo e veciñal de Berdillo, Sísamo e o barrio da Brea, así como da Deputación da Coruña e do Pazo do Souto. O obxectivo é múltiple: achegar o baloncesto ás parroquias, promover a práctica deportiva na contorna rural e poñer en valor as instalacións existentes fóra do casco urbano.

Trátase sen dúbida, como a definiu o concelleiro de Deporte na presentación que tivo lugar hoxe na Casa do Concello, dunha “iniciativa diferente” promovida por unha entidade que se caracteriza, precisamente, pola busca constante de novas actividades, pola promoción do deporte de base e pola profesionalización propia. Marcos Trigo expresou o seu desexo de que a actividade “prenda e que máis rapaces se acheguen a un deporte tan fermoso como o baloncesto”.

O vicepresidente da EBX, Rubén Lorenzo, asegurou que a entidade quere seguir medrando e estendendo a práctica do baloncesto. Nesa liña destacou a incorporación á xunta directiva de “xente nova” que está achegando “ideas novas”, e esta é unha delas. Agradeceu a participación de todos os colaboradores e expresou o seu desexo de que a actividade poida chegar no futuro a todas as parroquias.

O director deportivo da Escola Basket Xiria, Arturo Ferraces, explicou o desenvolvemento da iniciativa, que arrancará este sábado 9 en Berdillo e continuará o día 16 en Sísamo e o 23 na Brea. Será unha actividade na que participarán equipos do club e aberta a toda a poboación, sen límites de idade, e haberá distintos formatos en función da participación. O baloncesto será o centro da actividade, con partidos e concursos nos descansos, e ademais está prevista a celebración dun torneo 3x3. Arturo Ferraces considera que a proposta vai servir, ademais, “para que os nenos do noso club e de Carballo coñezan un pouco máis o seu concello, e que do mesmo xeito que se queren devolver as rúas e as prazas á infancia tamén se recuperen para eles as instalacións”.

Os representantes dos Consellos Parroquiais de Berdillo e Sísamo e da asociación da Brea valoraron moi positivamente a iniciativa, porque, como apuntou María Esmorís, de Berdillo, “é verdade que as pistas deportivas están infrautilizadas”. Non é o caso da Brea, onde teñen moito uso, pero de igual xeito trátase de que tamén as coñezan e as utilicen nenos e nenas doutros puntos do concello.

“Dá gusto ver aos rapaces xogando, e agora o que hai que conseguir é que se diversifique o deporte”, apuntou o alcalde. Evencio Ferrero asegurou que a zona rural de Carballo ten un gran potencial que moitas veces pasa inadvertido para a propia cidadanía, e expresou o seu desexo de que esta actividade que agora comeza “noon sexa algo efémero, senón que a partir de agora haxa unha actividade máis regular, ben organizada ou ben espontánea”.

Compartir: