Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Cances fixo un...

O Consello Parroquial de Cances fixo un balance positivo e abordou novas propostas de actuación

A mellora da accesibilidade na vía provincial continúa a ser unha das principais demandas

Xoves 7 de setembro do 2017

O Consello Parroquial de Cances comezou cun balance positivo das actuacións realizadas desde a xuntanza anterior, especialmente no que se refire ao desmonte xunto ao Centro Social e á utilización do material extraído para reparar as vías forestais que estaban máis deterioradas. A veciñanza pediu que se continúe con ese tipo de actuacións, e puxo exemplos concretos de necesidades, como a pista de acceso ao depósito da auga construído hai dous anos ou un pequeno tramo na parte posterior da estación de servizo, ademais de solicitar que o Concello de Carballo continúe coa mellora das rúas de cemento nos núcleos.

Os/as asistentes valoraron a ampliación e a pavimentación do espazo público na volta do Centro Social, que se encheu na Festa do Pichorro, pero queren que se siga mellorando esa contorna con actuacións como un circuíto de exercicio físico para maiores ou un patio cuberto, ao respecto do cal o alcalde, Evencio Ferrero, insistiu na necesidade de priorizar as obras, “porque todas xuntas non se poden facer”.

En Liñeiro piden a utilización do río de lavar para almacenar auga “porque temos o monte moi preto das casas, e se tes alí auga tes onde ir en caso de necesidade”, argumentou un veciño do lugar

Na xuntanza do mércores, á que asistiron representantes de BNG, PP e TeGa, volveuse a falar sobre a mellora da accesibilidade na estrada provincial, na que, despois do acondicionamento do firme e a pintura por parte da Deputación, a veciñanza reclama unha senda peonil ou beirarrúas. A este respecto, o principal problema, como tamén ocorre noutras vías, é a cesión dos terreos necesarios por parte dos/as propietarios/as.

Actuacións menores como a poda duns loureiros, a reparación dunhas plaquetas rotas, ou arranxo dunha marquesina foron outros temas que sacaron a colación. En Liñeiro piden, así mesmo, a utilización do río de lavar para almacenar auga “porque temos o monte moi preto das casas, e se tes alí auga tes onde ir en caso de necesidade”, argumentou un veciño do lugar. Ao respecto, o alcalde comentou que técnicos da Xunta están a revisar os alxibes existentes para ter previstas reservas de auga en caso de lumes.

A vindeira xuntanza será o venres 2 de febreiro ás 20.30 horas.

Compartir: