Os Consellos Parroquiais retomarán a rolda de xuntanzas en setembro

Para o día 1 está convocada a veciñanza de Entrecruces

Venres 25 de agosto do 2017

En setembro tamén empezará un novo curso para os Consellos Parroquiais de Carballo, xa que despois do parón estival retomaranse as xuntanzas entre os representantes veciñais -que estes días están a convocar encontros abertos- e os  políticos. A primeira reunión está programada para o día 1 en Entrecruces. Xa hai datas tamén para as de Cances (6 de setembro), Ardaña (7) Rebordelos (14), Noicela (15), Aldemunde (21), Bértoa (28) e Lema (29), e desta segunda quenda faltan por fixar as de Sofán, Artes, Razo e Vilela. A terceira arrancará o 8 de novembro en Goiáns.

Dende a posta en marcha deste mecanismo de participación veciñal nas 17 parroquias vense incrementando a presenza e o interese veciñal, e xa son máis de 300 as persoas que están a participar activamente da vida municipal de Carballo a través desta nova canle de comunicación directa entre a cidadanía e a corporación municipal.

Os consellos parroquiais son entes vivos e abertos permanentemente á participación tanto de entidades coma de cidadás e cidadáns a título individual. As persoas interesadas en participar teñen á súa disposición o número de teléfono 981 704 700 e o enderezo electrónico  consellosparroquiaiscarballo@gmail.com.

Compartir: