Inicio Áreas Participación veciñal Novas A construción do centro social...

A construción do centro social de Ardaña está xa moi avanzada

O concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo, visitou hoxe os traballos acompañado polo director de obra e autor do proxecto

Mércores 26 de abril do 2017

O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, visitou o edificio acompañado polo director de obra e autor do proxecto

O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, visitou o edificio acompañado polo director de obra e autor do proxecto

A construción do centro social de Ardaña avanza a gran velocidade. De feito, a estrutura está case lista despois de só un mes de traballo, como puido comprobar hoxe o concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo, que visitou a obra acompañado polo director e autor do proxecto, Fernando Añón. A empresa adxudicataria, Construcciones López Cao, ten o compromiso de rematar o edificio antes de que remate o ano, pero se os traballos continúan ao mesmo ritmo é probable que o prazo se recorte.

O centro social de Ardaña, que se sumará á rede municipal de centros sociais nas parroquias, ten 417,09 metros cadrados (368,31 útiles) distribuídos entre o soto (destinado a almacén e instalacións) e a planta baixa. Atendendo ás necesidades do movemento asociativo, o andar principal disporá dunha sala multiusos de 116,12 metros cadrados, un salón social, un aula, vestíbulo, 4 aseos, almacén e un soportal de 68,21 metros cadrados. 

A construción do edificio é financiada integramente polo Concello de Carballo cun investimento de 311.333 euros. A maiores, a empresa adxudicataria asumirá sen custe adicional para as arcas municipais o mobiliario e o equipamento do edificio,  a instalación dunha tarima de escenario no salón de actos e dun tabique móbil que permitirá flexibilizar o uso do salón principal, e a urbanización dunha superficie duns  900 metros cadrados. Todas estas melloras están valoradas en 90.000 euros.

Compartir: