Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Cances pide un...

O Consello Parroquial de Cances pide un maior control sobre o uso indebido das infraestruturas e os servizos públicos

O Concello de Carballo trasladará á Deputación da Coruña a solicitude de construción de beirarrúas na vía de acceso ao centro social, de titularidade provincial

Mércores 22 de marzo do 2017

O Consello Parroquial reuniuse no Centro Social de Cances

O Consello Parroquial reuniuse no Centro Social de Cances

O Consello Parroquial de Cances converteuse, en boa medida, nun foro de reflexión sobre o uso indebido que moitas veces se fai das infraestruturas e os servizos públicos. Foron os propios representantes veciñais os que puxeron sobre a mesa e criticaron determinadas prácticas: a nivel particular puxeron os exemplos de persoas que tiran o lixo sen bolsa no colector, ou de motoristas e ciclistas que atravesan fincas privadas na zona do monte Neme causando danos; tamén denunciaron ás empresas de madeira que deixan as pistas desfeitas ou o transporte de gran tonelaxe por vías que teñen limitación de 5,5 toneladas, e con respecto á Administración local demandaron un maior coidado das vías forestais.

A veciñanza de Cances valorou xeito positivo determinadas actuacións realizadas na  parroquia, coma a pavimentación con cemento no lugar de Cances Grande, e servizos coma a limpeza dos colectores, que agora realízase cada dous meses. A mellora da rede viaria é unha das materias pendentes, pero que pronto terá solución, xa que,  tal como informou o alcalde na xuntanza do Consello Parroquial, o proxecto de mellora integral xa está adxudicado á empresa Lancer e comezará en breve. 

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiu a xuntanza

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiu a xuntanza

As peticións non se limitaron ás vías municipais, senón tamén ás que dependen doutras institucións. Os veciños e veciñas consideran preciso un paso de peóns na estrada xeral, que é de titularidade autonómica, e beirarrúas no acceso ao centro social, que é da Deputación da Coruña. Evencio Ferrero explicou que os técnicos da Xunta son contrarios ao pintado de pasos de peóns en vías con pouca intensidade de tráfico peonil, como é o caso, porque ademais non está demostrado que melloren a seguridade. E sobre as beirarrúas comprometeuse a trasladar a petición ao organismo provincial.

A reutilización da terra dun desmonte que se vai facer en breve xunto ao centro social para mellorar algunhas pistas forestais, a mellora do campo de chave, a reparación dos taboleiros de libre expresión ou a instalación de xardineiras xunto á fonte foron outras peticións.

A próxima xuntanza en Cances será o 6 de setembro ás 21 horas. Para mañá xoves, ás 20.30, están convocados os veciños e veciñas de Rebordelos.

Compartir: