Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Noicela pon...

O Consello Parroquial de Noicela pon mans á obra para intentar conseguir un terreo para aparcamento xunto á igrexa

Xoves 16 de marzo do 2017

O Consello Parroquial de Noicela reuniuse o mércores pola noite no Centro Social de Imende

O Consello Parroquial de Noicela reuniuse o mércores pola noite no Centro Social de Imende

A representación veciñal no Consello Parroquial de Noicela presentou unha longa lista de necesidades aos representantes do Concello de Carballo, pero boa parte das numerosas intervencións que houbo na xuntanza foron para reclamar mellores accesos. Os veciños e veciñas consideran que unha zona de tanto potencial coma a de Baldaio debe ofrecer facilidades para o turismo, e nese sentido insistiron especialmente na mellora da estrada provincial. O alcalde comprometeuse, coma no resto das parroquias, a presentar a solicitude correspondente á Deputación, e lembrou que en anteriores negociacións co ente provincial sempre se considerou esa vía como a prioritaria despois da travesía de Sísamo, que está en execución.

As peticións veciñais estendéronse a varias pistas ou tramos concretos que consideran que deben ser mellorados, sobre todo no que se refire ao tipo de pavimento. Evencio Ferrero deu cifras do que suporía utilizar aglomerado en vez de dobre rego na reparación de todas as pistas secundarias: 14 millóns de euros, fronte aos 2 que se están a investir, o que sería inasumible. De todos os xeitos, anunciou que se está a traballar para acometer, despois deste primeiro “plan de choque”, un plan de aglomerado dos denominados viais estruturantes, que suporían un investimento de 5 millóns de euros en varias anualidades, e outro plan de cemento para determinados núcleos rurais.

Outro dos temas que ocupou parte da xuntanza foi a necesidade dun espazo para aparcamento na contorna da igrexa. Despois de que os intentos anteriores resultaran infrutuosos, o Consello Parroquial está decidido a poñer mans á obra para tratar de conseguir ou ben a cesión da coñecida coma “Leira do Cura” ou ben para adquirir un terreo polo sistema de participación veciñal (50% a cargo da parroquia e 50% a cargo do Concello, que tamén costearía o arranxo). Esta petición podería ir ligada á solución proposta por un dos representantes veciñais para realizar unha intervención na estrada que une A Guelra coa Igrexa, de maneira que se facilitaría o tráfico e eliminaríase a perigosidade do cruce. A idea foi ben acollida, e estudarase a súa viabilidade.

A traída de auga, un compromiso pendente dende que a Xunta de Galicia eliminou a partida que tiña destinada para esa obra dos seus Orzamentos, e unha maior promoción turística da contorna foron tamén obxecto de debate, xunto con outras moitas cuestións: parques infantís, limpeza de espazos públicos e privados, actividades no centro social, seguridade viaria, ampliación do saneamento e reposición de puntos de alumeado

Compartir: