Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Entrecruces...

O Consello Parroquial de Entrecruces retoma a demanda do deslinde cos concellos de Coristanco e Tordoia

A mellora e/ou ampliación das infraestruturas e os servizos é a principal demanda da veciñanza

Venres 10 de marzo do 2017

No Consello Parroquial de Entrecruces, un dos máis numerosos, un dos temas dos que máis se falou onte foi do deslinde cos concellos de Tordoia e Coristanco. Un representante da asociación de veciños A Fonte Salgueira sinalou que se a entidade se chama así é porque ese é o punto no que conflúen os tres concellos, e insistiu en que ese feito debe quedar plasmado oficialmente. “Hai un montón de hectáreas que pertencen ao Concello de Carballo, aos veciños de Entrecruces, e que as están desfrutando os veciños de Coristanco e Tordoia”, argumentou. O alcalde manifestou o total acordo do Concello coas reivindicacións veciñais, “pero dous non deslindan se un non quere, e Coristanco non quere”. Evencio Ferrero lembrou que o Concello de Carballo xa nomeou no seu momento a comisión de deslinde, pero non fixo o mesmo a outra parte, e “o deslinde –dixo- ten que ser de mutuo acordo”.

O Consello Parroquial reuniuse no local social

O Consello Parroquial reuniuse no local social

Aínda que o deslinde foi un dos temas que xerou máis debate, o Consello Parroquial abordou moitos outros, fundamentalmente relacionados coa mellora e/ou ampliación das infraestruturas e os servizos públicos, como o alumeado, a recollida do lixo, os saneamentos ou a rede viaria.

Con respecto a esta última, o alcalde anunciou que xa está en contratación o proxecto para a mellora integral das pistas da parroquia, que inclúe a limpeza de cunetas. Outras pistas das que se falou foi das forestais, por un lado para denunciar os danos que causan os madeiristas, e por outro para pedir que se recuperen os camiños que facían de cortalumes para evitar incendios. Evencio Ferrero pediu unha relación concreta para estudar as actuacións precisas. En materia de saneamentos, o alcalde anunciou un investimento de 254.000 euros na parroquia. Sobre a recollida de lixo comentou que a empresa concesionaria está a elaborar un estudo de necesidades de máis zonas verdes, e sobre o alumeado lembrou que tamén está en elaboración un proxecto para repoñer preto de 400 puntos de luz.

Férveda de San Paio

O acondicionamento da contorna da Férveda de San Paio foi outra das peticións que o alcalde se comprometeu a atender. Tamén sinalou que con cargo aos orzamentos deste ano reformarase o local social, no que se reuniu o Consello Parroquial, e que está en elaboración outro proxecto para esa contorna, dentro do cal, a petición dos veciños, estudarase incluír a mellora do parque infantil. Sobre a petición doutro local social para a Alta, Evencio Ferrero sinalou que se a veciñanza colabora na adquisición do terreo, igual ca no resto das parroquias, por parte do Concello de Carballo non habería ningún problema, e lembrou que existe unha petición previa para acondicionar un campo da festa.

A próxima xuntanza do Consello Parroquial de Entrecruces será o 1 de setembro.

Compartir: