Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Berdillo...

O Consello Parroquial de Berdillo elabora un detallado mapa de necesidades de todos os lugares da parroquia

Deporte, infraestruturas viarias e hidráulicas e seguridade viaria centran a maior parte das propostas, suxestións, reclamacións e preocupacións da veciñanza

Sábado 4 de marzo do 2017

Os veciños e veciñas que forman parte do amplo Consello Parroquial de Berdillo, que sigue medrando coa incorporación da comisión de festas, prepararon con todo detalle a primeira xuntanza cos representantes municipais. Tanto é así que lles entregaron un elaborado dosier que non só recolle un listado de propostas, suxestións, reclamacións e preocupacións da veciñanza, senón que o acompaña con fotografías e coa xeolocalización dos puntos concretos nos que se sitúa cada unha delas.

O Consello Parroquial de Berdillo ten o traballo dividido territorialmente, de xeito que todos os lugares da parroquia teñen voz neste órgano de comunicación directa co Concello de Carballo. O resultado dese contacto directo co territorio e da asemblea veciñal aberta que se celebrou con carácter previo á xuntanza deste venres é o detallado mapa de necesidades que presentaron, e no que figuran dende pequenas intervencións como a colocación dun espello ata cuestións que van máis alá da competencia municipal, como a mellora da rede de telefonía e Internet.  

As propostas agrúpanse en catro grandes áreas. A primeira da que se falou foi a deportiva, fundamentalmente para solicitar unha serie de melloras no campo de fútbol das Pedreiras e nas pistas situadas xunto ao centro social. O alcalde, Evencio Ferrero, comprometeuse a estudar as peticións concretas co concelleiro de Deporte para “ir buscando maneiras de atender estas necesidades”.  

Outra das grandes preocupacións veciñais é o estado da rede viaria, con respecto á cal o alcalde sinalou que este ano completarase a actuación integral en todas as pistas asfaltadas de todo o municipio, tanto no que se refire á limpeza de cunetas coma a conservación da calzada. No entanto, as deficiencias máis urxentes ás que aludiron os veciños e veciñas solucionaranse provisionalmente cun bacheo. Como nalgunhas outras parroquias, en Berdillo tamén se queixaron dos danos que causan os madeiristas nas vías, e pediron un maior control municipal.  

Máis seguridade viaria na DP-1904

Para a estrada provincial DP-1904 houbo un apartado concreto, sobre todo para solucionar os problemas de seguridade viaria. Ao tratarse dunha vía provincial, dende o Concello de Carballo formularanse as peticións correspondentes á Deputación da Coruña, se ben o alcalde insistiu nas reticencias do organismo provincial a acometer determinadas actuacións como a instalación de pasos de peóns elevados.

En materia de infraestruturas, o Consello Parroquial de Berdillo tamén presentou necesidades de abastecemento de auga e saneamento en puntos moi concretos, igual que de mellora do alumeado.

Nun último apartado incluíron outro tipo de propostas, como o acondicionamento do aparcadoiro do cemiterio municipal, o estudo do sentido da circulación rodada neste punto e no lugar do Añón, a mellora do pavimento que rodea o local social do Aseñado e do parque infantil ou o acondicionamento do local da chave e da antiga escola do Añón, por exemplo. O alcalde de Carballo asegurou que dende o Concello estudaranse todas as propostas e se intentará ir dándolles solución de forma progresiva.

Compartir: