Inicio Áreas Participación veciñal Novas A construción dun local social e...

A construción dun local social e a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-414 centraron o Consello Parroquial de Goiáns

O alcalde xa enviou hoxe á Consellería de Infraestruturas a solicitude da mellora integral da vía cun compromiso de cofinanciamento por parte do Concello

Venres 3 de marzo do 2017

Aínda que se abordaron outras cuestións de interese xeral e particular, os dous temas que centraron o Consello Parroquial de Goiáns foron a construción dun local social e a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-414. Na xuntanza participaron por primeira vez representantes dos catro grupos políticos da corporación municipal e rexistrouse unha nova incorporación veciñal a título individual.

Con respecto ao local social, o alcalde manifestou a disposición absoluta do Concello de Carballo a asumir o proxecto, “porque nós –dixo- priorizamos o investimento social”,  e así se ten demostrado nos últimos anos coa construción e/ou reforma de varios edificios para uso veciñal, creando deste xeito unha rede que se estenderá este mesmo ano á parroquia de Ardaña, onde, por certo, as obras comezarán este mesmo mes.

A única dificultade radica na dispoñibilidade dun terreo que teña a cualificación de solo de equipamentos no Plan Xeral de Ordenación Municipal. Os veciños propuxeron utilizar o antigo campo da festa, e o alcalde convidounos a manter unha xuntanza na Oficina Técnica Municipal para se é viable ou se hai que buscar alternativas. 

Os representantes veciñais consideran que unha instalación deste tipo contribuiría a “unir á parroquia”, ademais de permitir o desenvolvemento de actividades municipais coma a ximnasia de mantemento e de servir como sede dunha asociación que, segundo indicaron, podería empezar a funcionar en breve.

A outra gran preocupación veciñal en Goiáns ten que ver coa perigosidade da estrada autonómica AC-414. Por unha banda, solicitan a continuación das beirarrúas tanto ata a conexión con Carballo coma, polo outro lado, ata o remate do lugar de Xoane; ademais, consideran que as rotondas deixan á parroquia “illada”; que fan falla máis sinais redutores de velocidade e que existen treitos que se atopan en moi malas condicións para os viandantes. Evencio Ferrero explicoulles que ao tratarse dunha vía autonómica o Concello de Carballo non pode realizar ningunha intervención, e que xa no seu momento non só se solicitou solución para todas estas cuestións, senón que dende o goberno municipal ofreceuse á Xunta a oferta de asumir a vía a cambio dunha reforma integral que a Administración galega rexeitou.

O alcalde de Carballo comprometeuse a volver a realizar xestións ante a Xunta, e hoxe mesmo enviou unha carta á conselleira de Infraestruturas e Vivenda na que alude ás demandas formuladas polo Consello Parroquial de Goiáns, e expresa o compromiso do Concello de cofinanciar as obras e a aceptar a transferencia da vía unha vez que estean realizadas. Evencio Ferrero considera, e así llo transmite na carta ao departamento autonómico, que a solución idónea para ese treito podería ser unha senda peonil e para ciclistas como as que está a executar a Xunta en distintos concellos, e mesmo no de Carballo na parroquia de Bértoa.

Compartir: