Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Sofán...

O Consello Parroquial de Sofán presenta unha ampla relación de propostas para a parroquia e tamén para o casco urbano

A mellora do equipamento do centro social, da seguridade viaria e dos servizos públicos son as principais demandas da veciñanza

Venres 24 de febreiro do 2017

Os e as representantes veciñais trasladaron as peticións recollidas nunha asemblea previa

Os e as representantes veciñais trasladaron as peticións recollidas nunha asemblea previa

O Consello Parroquial de Sofán recolleu as peticións da veciñanza e na xuntanza do xoves presentou unha ampla relación de propostas para a parroquia, pero tamén para o casco urbano.  Os representantes veciñais dividíronas en catro apartados, un deles centrado nas melloras que consideran precisas no centro social, e que afectan á limpeza, o equipamento, a reparación de pequenos danos e, sobre todo, a mellora da accesibilidade. Con respecto a este último apartado consideran que ou ben se instala un ascensor ou elevador, ou ben se cambia o salón de actos para a planta baixa a cambio de trasladar a sala multiusos ao primeiro andar.

Ademais do alcalde, Evencio Ferrero, que presidiu a sesión, tamén asistiron Cristian Puente, do PP; José Bello Pallas, de Terra Galega, e Inés Rodríguez, en representación do BNG

Outro dos apartados referiuse a melloras viarias, a gran maioría das cales xa se van arranxar co proxecto de reforma integral que está agora mesmo en licitación por 305.846,55 euros. Outras peticións afectan a vías que non son de titularidade municipal, como o ensanchamento da pista da Piña, que é da Deputación da Coruña, ou os pasos de peóns na estrada Carballo-Ordes, que é da Xunta de Galicia, dous casos nos que se tramitarán as correspondentes peticións dende o Concello de Carballo. Igual ca noutras parroquias, en Sofán tamén existe preocupación con respecto aos danos que causan os madeiristas nas pistas, e así llo trasladaron aos representantes municipais. Ademais do alcalde, Evencio Ferrero, que presidiu a sesión, tamén asistiron Cristian Puente, do PP; José Bello Pallas, de Terra Galega, e Inés Rodríguez, en representación do BNG.

Proxectos a medio e longo prazo

A veciñanza de Sofán tamén presentou proxectos a medio e longo prazo, como o arranxo do río de lavar das Canelas, a extensión dos servizos de auga e saneamento, a instalación de máis taboleiros informativos, a construción do paseo fluvial do río Bardoso ou o ancheamento da pista que vai dende o tanatorio ata o centro social, con respecto á cal o alcalde manifestou a boa disposición do Concello de Carballo sempre e cando se consiga a dispoñibilidade dos terreos. A ampliación das illas verdes e das quendas de ximnasia para maiores completaron as peticións relativas á parroquia.

Pero o Consello Parroquial de Sofán tamén pediu mellor sinalización e iluminación no San Martiño, máis prazas nas escolas infantís públicas ou a ampliación de horarios dos servizos municipais. Tamén expresaron as protestas dalgúns veciños polo sentido único na rúa Martín Herrera, unha decisión que, segundo comentou o alcalde, o goberno non vai modificar porque prima a seguridade peonil.

Compartir: