Inicio Áreas Participación veciñal Novas Os Consellos Parroquiais botan a andar...

Os Consellos Parroquiais botan a andar en Carballo

Ardaña acolle o venres 3 de febreiro a primeira das 17 xuntanzas que se celebrarán nas vindeiras semanas para poñer en práctica o modelo de participación veciñal

Xoves 2 de febreiro do 2017

O proceso de participación veciñal impulsado polo Concello de Carballo pasa da teoría á práctica. Mañá celebrarase en Ardaña o primeiro dos 17 Consellos Parroquiais que terán lugar nas vindeiras semanas en todas as parroquias e que servirán para que empece a funcionar esa nova canle de comunicación entre a cidadanía e a Administración local. En Ardaña xa se celebrou a semana pasada unha asemblea parroquial na que, ademais de elaborar a orde do día para o encontro de mañá, recolléronse máis solicitudes de adhesión. De feito, os Consellos Parroquiais son entes vivos e abertos permanentemente á participación tanto de entidades coma de cidadás e cidadáns a título individual.

No Consello Parroquial de mañá, ademais dos representantes veciñais, estarán representados os grupos políticos municipais coa presenza de Marcos Trigo, polo BNG; Ana Casais, polo PP, e Estefanía Canosa, por Terra Galega. O PSOE non nomeou representante. O alcalde, Evencio Ferrero, presidirá a reunión.

Nestes momentos están constituídos 17 consellos parroquiais, o que supón que hai preto de 300 persoas que van participar dalgún xeito na xestión municipal. Porque do que se trata, en definitiva, é de que a cidadanía teña voz á hora de propoñer directamente as actuacións que considera máis necesarias na súa parroquia, e de que o Concello de Carballo teña en conta esas proposta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos. O fin último sería a elaboración de orzamentos participativos, o cal será posible na medida en que o proceso de participación veciñal, aínda en cueiros, vaia madurando.

As persoas interesadas teñen á súa disposición o enderezo electrónico  consellosparroquiaiscarballo@gmail.com para calquera tipo de información.

Compartir: