Inicio Áreas Deporte Novas O espectáculo do autocross volve...

SÁBADO 28 DE SETEMBRO

O espectáculo do autocross volve ao circuíto de Carballo coa penúltima proba do campionato galego e todo por decidir

Venres 27 de setembro do 2024

O autocross volve ao circuíto municipal de Carballo case por sorpresa, porque a proba que se disputará este sábado 28 de setembro engadiuse ao calendario a raíz da cancelación do Autocross do Xacobeo previsto para o 24 de agosto.

Carballo repite, polo tanto, cunha cita que reunirá a 53 pilotos das catro categorías, repetindo a cifra de xuño, e ademais na recta final do Campionato Xunta de Galicia de Autocross. A proba de mañá será a penúltima do ano e está todo por decidir. O espectáculo está servido, como aseguraron hoxe os membros do comité organizador Ernesto Rumbo e Juan Fernández, que presentaron a carreira desta fin de semana acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, e o técnico Manuel Varela Bardanca.

As mangas de adestramentos comezarán a partir das 10:30 horas. Despois do parón de reacondicionamento do circuíto ao mediodía, ás 15.00 horas comezarán as mangas clasificatorias. As finais están marcadas ás 19:00 horas.

O circuíto de Bértoa acollerá o seu 19º autocross, e hoxe quedou claro que non será o último nin, probablemente, a única modalidade deportiva. Neste sentido, aínda que non quixeron avanzar detalles, os organizadores apuntaron a posibilidade de que o noso concello acolla o ano que vén unha proba de terra.

O alcalde pechou a presentación agradecendo a confianza do comité organizador en Carballo e a profesionalidade e rigorosidade coa que prepara cada nova cita deportiva. “Estamos encantados de que Bértoa se teña convertido nun referente a nivel de toda España”, asegurou.

Ligazóns

Compartir: