Inicio Áreas Deporte Novas Máis de 400 nenas e nenos de 24...

Máis de 400 nenas e nenos de 24 clubs celebrarán o Día das Letras Galegas xogando ao baloncesto en Carballo

Escola Basket Xiria e Concello de Carballo presentaron unha nova edición do Día do Pequebasket, unha xornada deportiva e lúdica que reúne cada 17 de maio a centos de familias

Mércores 15 de maio do 2024

Máis de 400 nenos e nenas pasarán o Día das Letras Galegas coas súas familias no noso concello. Un 17 de maio máis, ademais de lembrar a Luísa Villalta, en Carballo os máis pequenos da casa xogarán ao baloncesto, porque celebramos unha nova edición do Día do Pequebasket, no que, ademais de deporte, haberá xogos, atraccións e, sobre todo, convivencia.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Daniel Pérez, asistiron á presentación oficial do Día do Pequebasket, xunto co presidente e o director deportivo da Escola Basket Xiria, Primitivo Xurxo Reguera e Arturo Ferraces. Concello e Basket Xiria colaboran un ano máis para converter o noso concello nunha das localidades de referencia en toda Galicia, un obxectivo ao que tamén se suma nesta ocasión a Deputación da Coruña a través do programa “A provincia que sabe”.

O Día do Pequebasket cumpre dez anos. “Como anécdota -apuntou Arturo Ferraces- hai xente que debutou no Pequebasket hai dez anos e que este ano debutou na ACB”. O director deportivo do club destacou especialmente “a colaboración dos rapaces e das familias. Todo o mundo se involucra, e o Día do Pequebasket xa é identidade do club”.

Dez anos despois, o evento está “consolidado e experimenta un crecemento sostible que amosa un traballo continuado por parte do club”, subliñou Daniel Pérez. Nese sentido, o presidente da Escola Basket Xiria lembrou que no ano 2018 tocouse teito con case 700 participantes, “pero démonos conta de que era inasumible desde o punto de vista organizativo”. Primitivo Reguera destacou a iniciativa que tivo no seu día o seu antecesor Diego Vázquez e o apoio prestado polo Concello de Carballo desde a primeira edición.

Evencio Ferrero, pola súa banda, quixo incidir en que “Carballo é un espello no que hai moitos clubs e moitos concellos que se miran para a promoción do deporte”.

Ligazóns

Compartir: