Inicio Áreas Deporte Novas 240 nenos e nenas participan este...

240 nenos e nenas participan este sábado en Carballo no Campionato interprovincial escolar de kung fu

O club local competirá con tres equipos

Xoves 9 de maio do 2024

Carballo volve ser escenario dunha nova competición que converte o noso concello nun gran centro de promoción do deporte de base. Este sábado pola tarde disputarase no pavillón Vila de Noia o Campionato interprovincial escolar de kung fu, que reunirá a 240 nenos e nenas pertencentes a máis de medio centenar de clubs das provincias da Coruña, Lugo e Ourense.

A cita conta co aliciente engadido de que é valedoira, no caso dos cintos amarelos e laranxas, para o campionato galego que se disputará en Lugo o día 22. Ademais, os deportistas do resto de graos– cintos verdes, azuis, marróns e negros– terán a posibilidade de loitar por meterse no Campionato Ibérico, a celebrar neste caso no mes de xullo en Tui.

A presentación deste evento, dirixido a categorías benjamín, alevín e infantil, reuniu na casa do concello a José Manuel Gómez Suárez, en representación da Federación Galega de Kung Fu; José Antonio Riveiro Agrelo, director do club Kung Fu Carballo; Daniel Pérez, concelleiro de Deportes, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

O Kung Fu Carballo, do que forman parte na actualidade máis de corenta nenos e nenas carballeses, participará con tres equipos: laranxa, verde e azul.

O representante da federación destacou a aposta realizada pola entidade pola igualdade entre nenos e nenas na práctica do kung fu e tamén polo medio ambiente. “A nosa federación é a primeira inscrita na Alianza Galega polo Clima, porque consideramos que o medio ambiente está moi vinculado coa actividade física, e necesitamos concienciar aos nosos deportistas sobre a importancia do medio ambiente”, apuntou José Manuel Gómez.

Tanto Evencio Ferrero como Daniel Pérez mostráronse encantados de colaborar na celebración do evento e destacaron a súa importancia máis alá do aspecto deportivo. “Estamos encantados de que Carballo sexa sede de eventos coma este, porque é moi bo para a estrutura deportiva e para os nenos e nenas que fan deporte en Carballo, pero tamén é bo para o conxunto da sociedade. Por iso, os nosos parabéns e noso recoñecemento polo labor que se está facendo por parte dos clubs, porque nese sentido Carballo é un concello modélico”, manifestou o alcalde.

Compartir: