Inicio Áreas Deporte Novas 600 deportistas participan este domingo...

600 deportistas participan este domingo en Carballo na II Fase da liga provincial de ximnasia rítmica

A representación local estará integrada por 15 ximnastas

Xoves 2 de maio do 2024

Carballo acolle este domingo a II Fase da liga provincial de ximnasia rítmica, unha intensa xornada deportiva que se desenvolverá ao longo de todo o día, desde as 08.30 ata as 21.00 horas, e que reunirá no pavillón Vila de Noia a máis de 600 deportistas das categorías escolar, promoción e pre-base dun total de 22 clubs.

Na organización, a Federación Galega de Ximnasia e a asociación carballesa Pangea, que estivo representada na presentación do evento por ximnastas, familias e a presidenta do club, Iria Rey. Con eles estiveron o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, e o alcalde, Evencio Ferrero.

Iria Rey destacou o auxe da ximnasia rítmica en Carballo nos últimos anos. “Agora mesmo hai un montón de nenas participando este deporte en distintos clubs, e queremos visibilizar esta situación, porque xa temos en Carballo nenas de nivel que poden participar en campionatos como este provincial, que é unha preselección para o galego”, dixo.

Este domingo Carballo contará con 15 representantes. Unha desas deportistas é Laura Varela Tasende, que se converteu na primeira fase da liga provincial, disputada o mes pasado en Santiago, na primeira ximnasta carballesa en subir ao podio. “Estou moi orgullosa”, dixo hoxe, no acto de presentación, no que recibiu todo o apoio para esta fin de semana.

“A ximnasia rítmica está medrando moito, e desde o Concello non podemos facer outra cousa máis que apoiar que esta fase se celebre aquí. Neste caso organiza Pangea, pero o feito de que haxa dous clubs en Carballo demostra que é un deporte en alza, e o que queremos é que siga medrando”, comentou o concelleiro de Deportes.

“Carballo é deporte, e a proba é que cada vez xorden novas entidades que fomentan a práctica de diferentes deportes”, engadiu o alcalde, quen ademais destacou as excelentes condicións do pavillón Vila de Noia para a práctica da ximnasia rítmica.

Compartir: