Inicio Áreas Deporte Novas 300 deportistas dos seis clubs galegos...

300 deportistas dos seis clubs galegos de taekwondo ITFU inician este domingo en Carballo a liga FITE Galicia

Representantes do club local Chong e do Concello presentaron a competición

Mércores 29 de novembro do 2023

Álex Trigo, Agustín Trigo, Evencio Ferrero, Daniel Pérez e Fernando Abelenda

Álex Trigo, Agustín Trigo, Evencio Ferrero, Daniel Pérez e Fernando Abelenda

As competicións de taekwondo regresan a Carballo despois de varios anos. Este domingo disputarase no pavillón Vila de Noia a primeira xornada da liga FITE Galicia, que reunirá a case 300 deportistas dos seis clubs que integran a federación galega de taekwondo ITFU. O espectáculo está garantido, e a entrada será libre e de balde.

Agustín Trigo, Álex Trigo e Fernando Abelenda, en representación do club Chong, anfitrión e organizador do evento, presentaron a competición acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, que se amosou “encantado” de que o Concello de Carballo poida colaborar nun evento destas características, que non só é importante a nivel deportivo, senon que tamén “xera importantes sinerxias noutros sectores”. 300 deportistas e ás súas familias contribuirán a encher de actividade o primeiro domingo de decembro.

Álex Trigo destacou que o taekwondo forma parte da sociedade carballesa desde hai máis de corenta anos. “Hai moita tradición, está arraigado no pobo. O Chong foi o primeiro club de artes marciais de Carballo e da comarca, hoxe en día hai máis e de máis disciplinas, e iso é moi importante”, manifestou. Aludiu tamén á importancia converter Carballo nun lugar de referencia para as competicións oficiais, e expresou o seu desexo de que a cita deste sábado “sexa a primeira de moitas”.

O Chong participará na primeira xornada da liga FITE Galicia de taekwondo ITFU cun total de 48 deportistas de distintas categorías. No pavillón Vila de Noia poderemos ver a competidores/as de todas as idades, desde nenos/as moi pequenos/as ata sénior. “É a primeira vez para a xente do club que compite na casa. Para nós é un plus facer esta competición en Carballo”.

O alcalde destacou que o deporte “é unha das grandes fortalezas de Carballo”, e que a posibilidade de poder organizar competicións de todo tipo de modalidades deportivas reforzan o papel do noso concello como un referente deportivo en toda Galicia.

Compartir: