Inicio Áreas Deporte Novas O Mestre Internacional Enrique Tejedor...

O Mestre Internacional Enrique Tejedor proclamouse campión da primeira edición do torneo maxistral de xadrez de Carballo

As últimas xornadas coincidiron coas primeiras do aberto que tamén organiza O Toque Xiria e no que participan 80 xadrecistas

Domingo 27 de agosto do 2023

O MI (mestre internacional) cántabro Enrique Tejedor proclamouse campión do I Maxistral Xiria Carballo por mellor desempate que o GM (gran mestre) serbio Aleksa Strikovic, ámbolos dous con 6 puntos. Unha derrota na oitava rolda contra o búlgaro Vladimir Petkov deixou a Tejedor sen opcións de norma de Gran Mestre, aínda así, desde a organización destacan que realizou un gran torneo.

O terceiro lugar foi para o favorito, o GM paraguaio Neuris Delgado, con 5,5 puntos. Unha derrota sorpresiva contra o MI Rafael Rodríguez privoulle da vitoria. O cuarto posto foi para o MI portugués Jose Francisco Veiga, con 5 puntos; o quinto, para o MI cubano Roberto Gómez; o sexto para o MF vigués Xulio de Prado, que quedou a só medio punto da norma de Mestre Internacional, e o sétimo foi para o MI cubano Lennis Martínez, todos con 4,5 puntos. No oitavo posto clasificouse o GM búlgaro Vladimir Petkov, con 3,5 puntos; no noveno, o MI vigués Rafael Rodríguez, con 3 puntos, e no décimo, o mozo MF santiagués Diego Cacheiro, con 2,5 puntos, para o que foi o seu primeiro gran torneo internacional, sen dúbida unha gran experiencia.

Xosé Regueira, Enrique Tejedor, Daniel Pérez e Javier Teixeira

Xosé Regueira, Enrique Tejedor, Daniel Pérez e Javier Teixeira

O I Maxistral Xiria, que se disputou do 21 ao 26 de agosto, foi un torneo moi disputado, no que todos os xogadores perderon polo menos unha partida. Na clausura participaron o concelleiro de Promoción Económica e Turismo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que se atreveu a xogar unhas partidas amigables, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, que foron os encargados de entregar os premios xunto co presidente do club, Javier Teixeira, que agradeceu a colaboración das institucións municipal e provincial e dos patrocinadores do torneo.

O venres 25 ás 17.00 horas arrincou tamén o VI Aberto de xadrez clásico Concello de Carballo, con 80 participantes entre os que figuran a maioría dos mestres do torneo maxistral, unha nutrida dispútanse na planta alta do mercado municipal ata o 1 de setembro. Con este torneo rematará o XXXIV Circuíto Galego de Xadrez organizado pola Federación Galega, e será válido para normas de GM-MI e para Elo Internacional. Sen dúbida, unha boa proba para que os/as xogadores/as locais poidan medirse ante importantes rivais.

Compartir: