Inicio Áreas Deporte Novas Volve o espectáculo do ciclismo...

Volve o espectáculo do ciclismo ás nosas rúas coa V Challenge Júnior Carballo

120 corredores/as de vinte equipos participarán nunha proba por etapas de referencia dentro e fóra de Galicia para ciclistas da categoría júnior

Martes 22 de agosto do 2023

Daniel Pérez e Vanesa Loureiro presentaron a carreira

Daniel Pérez e Vanesa Loureiro presentaron a carreira

O Club Ciclista Carballo – Vázquez y Reino organiza, en colaboración co Concello de Carballo, e co apoio da Federación Galega de Ciclismo, a quinta edición da Challenge Junior Carballo, unha proba que iniciou a súa andaina no 2018, e que regresou con gran forza tras a pandemia.

Nesta edición, a falta das últimas inscricións, están confirmados uns 120 participantes, unha cifra que, e palabras da presidenta do club ciclista, Vanesa Loureiro, supón “todo un logro pois coincide no calendario con dúas probas de grande nivel como son a Volta a Portugal júnior e a Volta a Ribeira do Douro”. A pesares desa coincidencia, a carreira carballesa mantén o alto nivel de participación do ano pasado cun total de 20 equipos, 13 deles chegados de fóra de Galicia.

Vanesa Loureiro presentou o cartel da Challenge acompañada polo concelleiro de Deporte, Daniel Pérez, que puxo en valor o traballo que vén desenvolvendo o Club Ciclista Carballo para a promoción do deporte desde a infancia. Un labor que ten o seu reflexo en competicións como a desta fin de semana, que reúne á canteira do ciclismo de dentro e fóra de Galicia no noso concello.

Etapas

A Challenge Júnior Carballo disputarase en tres etapas: 

  • Venres 25 de agosto. Contrarreloxo individual con saída na Praia de Razo e meta en Monteneme. 3 km contra o reloxo nunha subida que xa é un clásico no calendario e que determinará o primeiro líder da proba. Horario 19:30-20:30
  • Sábado 26 de agosto. Etapa de 106 quilómetros, con saída e chegada na avenida da Milagrosa de Carballo. Proba de categoría nacional. Horario 16:30 – 19:30.
  • Domingo 27 de agosto. Etapa de 95 quilómetros con saída en Carballo e meta na Pedra do Sal, que percorre varios concellos e as parroquias do litoral carballés e que, pola súa dureza, adoita deteminar o vencedor final da Challenge. Proba de categoría nacional. Horario 9:30 – 12:00.

Aos 120 corredores hai que sumar os máis de 40 técnicos que visitarán a nosa vila, o persoal que colabora na seguridade como Moto enlace, comité arbitral, persoal da Federación, etc...  que suman preto de 200 persoas que estarán na nosa vila e nas limítrofes durante varios días. A eles temos que sumar todos aqueles familiares que acompañan aos ciclistas e afeccionados ao ciclismo que xa teñen a Challenge Júnior Carballo como unha das probas referente no calendario galego e nacional e que encherán as rúas ao paso do pelotón desfrutando do ciclismo mais tamén das nosas paisaxes e da nosa gastronomía.

Como en anos anteriores, o paso dos ciclistas suporá cortes de estradas que estarán sinalizados e avisados con antelación para prexudicar o menos posible a veciños e condutores. O Club Ciclista Carballo conta co apoio de Policía local e Agrupación de voluntarios de Protección Civil do Concello de Carballo e do resto dos concellos polos que transcorren as distintas etapas, ademais da Garda Civil de Tráfico.

A Challenge conta co apoio económico do Concello de Carballo e da Federación Galega de Ciclismo, e ademais este ano o maillot azul de mellor corredor de primeiro ano, así como o trofeo ao mellor equipo, contan coa colaboración da empresa Garaysa. e o maillot vermello de líder da montaña, co da Fundación Luis Calvo Sanz. A organización agradeceu tamén o apoio do resto de empresas colaboradoras e dos concellos de Coristanco e Malpica.

Descargas

Compartir: