Inicio Áreas Deporte Novas Aberto o prazo de solicitude das...

ATA O 6 DE XULLO

Aberto o prazo de solicitude das subvencións do Concello de Carballo para apoiar o labor das entidades deportivas

O importe das axudas para contribuír ao financiamento dos proxectos de actividade xeral dos clubs increméntase ata os 139.000 euros

Luns 19 de xuño do 2023

O Concello de Carballo ten aberto ata o 6 de xullo o prazo de solicitude das subvencións destinadas a apoiar a actividade que desenvolven as entidades deportivas do noso concello. A través da Concellaría de Deporte convocamos cada ano tres liñas de axuda que contribúen, por unha banda, ao financiamento da organización e participación en fases finais de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España; por outra, á organización de eventos deportivos e actividades extraordinarias, e, finalmente, ao financiamento dos proxectos de actividades xeral das entidades. Esta terceira liña supón o groso das subvencións, pero este ano aínda máis, xa que a partida destinada a esta finalidade segue incrementándose ata acadar os 139.000 euros, un 11% máis que o ano pasado e un 51% máis que no 2019.

Poden optar ás axudas as entidades que reúnan os requisitos establecidos nas bases, que poden consultarse nos documentos anexos, e que estean constituídas como entidades deportivas de Galicia como mínimo desde o 1 de xaneiro do ano 2023 e no rexistro municipal do Concello de Carballo. No caso de precisar información adicional, pode solicitarse no departamento de Deportes.

Estas tres liñas de subvencións en concorrencia permitiron financiar o ano pasado 2022 un total de 21 proxectos deportivos presentados por 16 entidades que traballan na promoción dende a base de todo tipo de deportes: natación, salvamento e socorrismo, voleibol, baloncesto, ciclismo, xadrez, hóckey a patíns, balonmán, fútbol, judo e karate.

Para o goberno municipal de Carballo, o asociacionismo deportivo é un piar básico para acadar un sistema deportivo máis participativo, amplo e diversificado. De aí que cada ano veñamos reforzando o apoio ás entidades, facilitando así o desenvolvemento dunha actividade que converte o noso concello nun exemplo de pulo deportivo dende a base.

E ese apoio non só se materializa a través das subvencións, senón tamén da cesión gratuíta de instalacións. O Concello de Carballo bonifica o 100% do valor económico no que están cuantificadas as horas de uso das instalacións deportivas municipais, e que acada o medio millón de euros.

Descargas

Compartir: