Inicio Áreas Deporte Novas O movemento asociativo segue a medrar...

O movemento asociativo segue a medrar co nacemento de Rítmica Carballo, que amplía a oferta deportiva no concello

Un grupo de nais e pais integran a xunta directiva da entidade, que pretende impulsar a ximnasia rítmica

Venres 9 de xuño do 2023

Nace Rítmica Carballo, unha entidade que vén cubrir o baleiro que supoñía a inexistencia dun club federado para que as nenas que practican a ximnasia rítmica puidesen competir. A iniciativa, como explicou a presidenta, Manuela Velo, na presentación en sociedade do club, naceu por iniciativa dun grupo de nais e pais do concello e da contorna cuxas fillas levan anos practicando a ximnasia rítmica “e non puideron seguir progresando neste deporte por non ter os medios. Isto levábanos a ter que desprazarnos a outras localidades e que cando as nenas ían competir tivesen que representar a un club que non era o noso, que non era de Carballo”.

Despois de varios meses de traballo, co asesoramento da área de Deporte do Concello, a entidade bota a andar coa idea de iniciar o curso no mes de setembro para que nas competicións da vindeira tempada xa poidan ter presenza as deportistas de Rítmica Carballo. A partir de hoxe comezará unha campaña de difusión para “abrir a posibilidade a que outras nenas e nenos se introduzan no deporte da ximnasia rítmica.” Polo momento hai 15 nenas anotadas, pero todo indica que pronto haberá máis.

A constitución dunha entidade sen ánimo de lucro e federada permitiralle acceder, en condicións de igualdade co resto das asociacións deportivas do concello, ás instalacións municipais de xeito gratuíto. A xunta directiva de Rítmica Carballo destacou a importancia de poder adestrar nun pavillón e co material necesario para competir nas mesmas condicións que as deportistas doutros clubs.

As representantes de Rítmica Carballo estiveron acompañadas polo técnico de Carballo Deporte Manuel Varela Bardanca, o concelleiro Marcos Trigo e o alcalde. Evencio Ferrero puxo en valor a fortaleza do asociacionismo deportivo no noso concello. “Ben está que pouco a pouco se vaian cubrindo todas as especialidades porque a xente quere practicar ese deporte, e neste caso estamos a falar dun deporte que é olímpico e que nos gustaría que fose un exemplo de actividade”. O alcalde felicitou á xunta directiva e animouna a seguir traballando co apoio do concello.

Marcos Trigo, pola súa banda, destacou a importancia do deporte organizado, “para que as nenas que viñan practicando ximnasia rítmica teñan amparo, e para que dende o Concello de Carballo tamén se lle poida dar amparo cedendo as instalacións, como se fai con todos os clubs, e apoiando para que o club vaia para adiante”.

A primeira actividade de Rítmica Carballo consistirá nunha gala de exhibición que se celebrará o 27 de xuño pola tarde no pavillón Carballo Calero.

Compartir: