Inicio Áreas Deporte Novas 49 pilotos compiten este sábado...

49 pilotos compiten este sábado na primeira das tres probas de autocross que acollerá este ano o circuíto municipal

A Escudería Máis Motor e o Concello de Carballo presentaron a carreira desta fin de semana, a terceira do campionato galego

Xoves 8 de xuño do 2023

Marcos Trigo, Evencio Ferrero, Diego Iglesias e Juan Puga

Marcos Trigo, Evencio Ferrero, Diego Iglesias e Juan Puga

Volve o autocross ao circuíto municipal, que este ano acollerá tres probas: dúas do campionato galego e unha do estatal. A primeira do autonómico disputarase esta fin de semana, con 49 pilotos en liza. Nas instalacións de Bértoa tivo lugar este xoves a presentación da carreira, coa participación de Juan Puga e Diego Iglesias, en representación de Máis Motor, a escudería organizadora, e de Marcos Trigo e Evencio Ferrero, concelleiro de Deporte e alcalde de Carballo.

Carballo acolle este sábado a terceira das sete probas das que consta o campionato galego. Entre os participantes, catro carballeses: Daniel Castro e Alfonso Álvarez Rives, na categoría de +1600 cc, e Javier Ramilo e Esteban Trigo, en carcross. Os dous primeiros corren pola escudería local, mentres que os dous carballeses que compiten en carcross fano por Yacar Racing. Máis Motor conta con outros dous representantes, Alejandro Martínez, en -1600, e Iván Baloira, en carcross.

Carcross, con 20 corredores, e +1600, con 17, son as categorías máis numerosas e disputadas. En -1600 compiten 8 pilotos e en carcross júnior, 4, entre eles a única participante feminina.

O espectáculo do motor arrincará o sábado ás 10.00 horas cos adestramentos. A partir das 15.00 horas disputaranse as semifinais, e as finais están previstas para as 17.00 horas. O circuíto, como puideron comprobar hoxe tanto os representantes municipais coma os de Máis Motor, está preparado para a carreira, e ademais estrea unha nova valla metálica para mellorar a seguridade do público.

Despois da cita desta fin de semana, o autocross volverá a Carballo o 8 de xullo, cunha proba do campionato de España, e no mes de novembro disputarase tamén no recinto de Bértoa a última e decisiva do galego.

Descargas

Compartir: