Inicio Áreas Deporte Novas A canteira do ciclismo galego...

A canteira do ciclismo galego dáse cita este sábado no Trofeo Concello de Carballo

Ademais dos equipos galegos, o torneo que organiza o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino contará cun equipo leonés

Xoves 25 de maio do 2023

O Trofeo Concello de Carballo reunirá este sábado en Carballo á canteira do ciclismo galego. A proba organizada polo Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, puntuable para a Copa Galicia do Porvir, ten confirmada a presenza dos equipos galegos e tamén do leonés de Bembibre, polo que contaremos con  200 nenos e nenas das categorías escolas, cadetes e júnior feminina.

A presidenta do Club Ciclista, Vanesa Loureiro, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron a competición, acompañados por varios representantes da entidade, xunto ao centro social Escola de Arrabaldes, onde estarán situadas a saída e a meta.

Toma nota dos horarios:

  • 16:00 horas. Cadetes. Proba en estrada: 52,9 km, con saída da avenida da Milagrosa cara Coristanco – Rus – Carballo (2 voltas) e na 3º volta Coristanco – Rus – Artes e Carballo.
  • 17.45 horas. Xincana na pista deportiva da Milagrosa
  • 18:00 horas. Alevíns. 4 voltas ao circuíto (5,2 km en total)
  • 18:30 horas. Infantís. 10 voltas ao circuíto (13 km)
  • 19:00 horas. Infantís categoría feminina (mínimo 10 participantes). 10 voltas ao circuíto (13 km)
  • 19:30 horas. Promesas e principiantes. 1 volta ao circuíto
  • 20.00 horas. Entrega de trofeos 

As probas de escolas disputaranse nun circuíto urbano de 1,3 quilómetros que percorre as rúas Avenida da Milagrosa, Concordia, Montero Ríos, Salvador de Madariaga, Avenida da Milagrosa, Xílgaro, Emilio González López, Cemiterio Vello e Avenida da Milagrosa.

O Club Ciclista Carballo conta coa colaboración de Protección Civil de Carballo e Coristanco, Policía Local de Carballo e Coristanco, Garda Civil e preto de 30 persoas voluntarias. Na folla de ruta que acompaña esta información atoparedes horarios, percorridos e todos os detalles técnicos sobre a proba, que reunirá este sábado en Carballo a 200 mozos e mozas que representan o futuro do ciclismo galego. Non vos perdades o espectáculo!

Descargas

Compartir: