Inicio Áreas Deporte Novas Carballo acolle esta fin de semana a...

BALONCESTO

Carballo acolle esta fin de semana a final da Copa Galicia EBA

O presidente da xunta xestora da FGB e o da Escola Basket Xiria, o concelleiro de Deporte e o alcalde presentaron o cartel

Mércores 28 de setembro do 2022

A Federación Galega de Baloncesto (FGB) vén de confirmar a celebración en Carballo da final da Copa Galicia EBA, que medirá ao conxunto local de Escola Basket Xiria contra o C.B. Chantada. Ámbolos dous conxuntos, como primeiros clasificados de grupo, con tres vitorias cada un, xogarán o domingo 2 de outubro, ás 12h. no pavillón Vila de Noia.

O presidente da xunta xestora da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; o presidente da Escola Basket Xiria, Primitivo Xurxo Reguera; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaaron hoxe o cartel.

Marcos Trigo abriu a rolda de intervencións agradecendo á Federación Galega de Baloncesto a concesión deste partido ao Concello de Carballo e á Escola Basket Xiria, ao tempo que expresaba o seu desexo de que o equipo local siga mantendo o mesmo nivel de toda a tempada e poder así acadar o trunfo.

Primitivo Reguera fixo un chamamento para que este domingo os carballeses e bergantiñáns enchan o pavillón e acudan apoiar ao Calvo Basket Xiria, porque ademais á entrada será de balde. O presidente do club local rematou asegurando que viviremos un emocionante encontro e agradecendo que unha vez máis a “festa de baloncesto” se celebre en Carballo.

O presidente da xestora da FGB comezou lembrando ao carballés Ricardo Méndez, ex-tesoureiro da Federación, amigo persoal seu e do alcalde de Carballo, que se sumou a esa lembranza convidando a converter a final da Copa Galicia EBA nunha homenaxe póstuma a Ricardo.

Compartir: