Inicio Ano do Xestal Novas A corporación municipal...

A corporación municipal abordará no próximo pleno a declaración do 2023 coma “Ano do Xestal”

O Concello de Carballo quere homenaxear ao gran humorista e folclorista no 90º aniversario do seu nacemento e 30º do seu pasamento

Xoves 21 de xullo do 2022

Carlos O Xestal, a primeira vez que cantou

Carlos O Xestal, a primeira vez que cantou "O Candil" en Luar

No 2023 celebrarase o 90º aniversario do nacemento e o 30º do pasamento de Carlos Díaz Gestal, O Xestal. Recuperar e poñer en valor a figura do gran humorista e músico, que foi unha auténtica referencia para varias xeracións de galegos e galegas, e que residiu no lugar do Seixo (Lema) durante máis de vinte anos, ata o seu falecemento o 4 de xaneiro de 1993, é o principal obxectivo da proposta que o goberno municipal presentará no pleno do vindeiro martes 26, e que se materializará coa declaración do ano que vén como “Ano do Xestal”.

O alcalde de Carballo deu a coñecer hoxe a iniciativa do goberno carballés, que xa foi trasladada aos partidos da oposición na comisión informativa do martes. Evencio Ferrero, que lembrou algunhas anécdotas e mesmo algún chiste do Xestal, destacou a súa valía humana e artística, e a necesidade de rescatar do esquecemento unha figura clave na cultura popular galega.

Ao Xestal débenselle a recuperación do “Himno do Antigo Reino de Galicia”, como lembra o filólogo Xohán Xabier Baldomir Cabanas no seu libro “O Xestal, contador de contos”, ou temas tan míticos como “O candil”, que se converteu no himno de peche do programa Luar tras a interpretación que fixo O Xestal o 11 de novembro de 1992, dous meses antes da súa inesperada morte por un derrame cerebral. Foi, como recolle a propia Televisión de Galicia na súa hemeroteca, a primeira vez que soou o famoso “Candil”, e ata hoxe.

Evencio Ferrero presentou hoxe a proposta do goberno

Evencio Ferrero presentou hoxe a proposta do goberno

A proposta que presentará o goberno no pleno do martes inclúe, ademais da declaración do 2023 como “Ano do Xestal”, a realización das xestións precisas para o traslado dos seus restos mortais dende o cemiterio parroquial de San Martiño de Razo, onde foi soterrado nun nicho cedido provisionalmente, ao cemiterio municipal de Carballo; a creación dunha comisión organizadora dos actos conmemorativos do “Ano do Xestal”, presidida polo alcalde ou persoa en quen delegue e formada por persoal de distintas áreas municipais e representantes de entidades e/ou medios de comunicación aos que estivo ligado Carlos Díaz Gestal durante a súa estadía no noso concello, e o traslado deste acordo aos concellos nos que residiu ao longo da súa vida, así como á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial da Coruña, para que se sumen, se así o consideran, á conmemoración do “Ano do Xestal”.

QUEN FOI CARLOS O’XESTAL?

Nado na Coruña o 8 de agosto de 1933, o seu descubrimento artístico tería lugar na romaría de Santa Margarida no ano 1949. A partir de aí actuou por primeira vez na emisora Radio Juventud de Galicia e iniciou a súa carreira musical como barítono no coro Brétemas e Raiolas. Como cantante e/ou instrumentista formou parte dos gaiteiros Os do Couto, Cántigas da Terra, Follas Novas, Toxos e Froles, Os Mariñáns, Os Calristas, Os Perilláns, a Orquestra 1910 ou o Ballet Galego Rey de Viana, como recolle Xohán Xabier Baldomir no seu libro. Co Grupo Folklórico O Xestal interpretou por primeira vez a Marcha solemne do Antigo Reino de Galicia no ano 1968. No noso concello participo una fundación do Coro Aires de Bergantiños.

O seu éxito consolidouse entre finais dos anos 50 e principios dos 60, grazas ao éxito que obtivo no programa de Radio Nacional de España “Desfile de estrellas”. Ademais de colaborar nesta emisora durante anos, tamén o fixo coa Televisión de Galicia e, ata a súa morte, con Antena 3 de Bergantiños.

O seu primeiro disco de contos, Cuentos Gallegos por O Xestal, é do ano 1961. Con eles e os que virían despois trunfou nos escenarios de toda Galicia e na emigración, onde a súa contribución ao espallamento da cultura galega fíxoo merecedor da Orde ao Mérito Turístico, coa que foi condecorado no ano 1964 polo daquela ministro Manuel Fraga Iribarne.

Ao longo da súa vida, Carlos Díaz Gestal residiu nos concellos de Oleiros, Sada e Cambre, de onde procedía a súa familia materna. Por azares do destino, a mediados da década de 1970 vese na obriga de se trasladar a Carballo, concretamente a O Seixo, na parroquia de San Cristovo de Lema. Carballo converteuse na súa terra de adopción ata que, o 4 de xaneiro de 1993, un derrame cerebral impediulle cumprir os 60 anos.

Vídeos

Compartir: