Inicio Áreas Cultura Novas Moita participación na...

Moita participación na reunión informativa previa á constitución da comisión de festas de San Xoán

Mércores 2 de febreiro do 2022

A chamada á participación realizada pola Concellaría de Festas tivo unha gran resposta por parte da veciñanza e converteu a xuntanza informativa previa á constitución da comisión de festas na máis numerosa dos últimos anos. Tanto é así que a reunión, prevista inicialmente nunha sala do primeiro andar do Pazo da Cultura, celebrouse finalmente no salón de actos da planta alta para poder garantir as distancias entre as persoas participantes, un total de 14.

Dado que para moitos e moitas era o primeiro contacto coa organización das festas, a constitución formal da comisión quedou adiada para a vindeira semana. Tanto por parte da concelleira de Festas, Maruxa Suárez, como do presidente da comisión, Sergio Varela, realizouse unha sinxela explicación do sistema de traballo e convidouse ás persoas participantes a intervir para presentarse e achegar os seus pareceres. A xuntanza resultou, nese sentido, moi frutífera, xa que houbo numerosas intervencións e boa parte dos/as asistentes expresaron a súa intención de integrarse na comisión.

Dende a Concellaría de Festas agradecemos a gran participación, e valoramos especialmente a incorporación da mocidade carballesa ao equipo organizador das festas, xa que temos o convencemento de que todas as ideas sumarán e axudarannos a deseñar o mellor San Xoán posible malia o tempo reducido co que contamos e as numerosas incertezas que planean aínda arredor deste tipo de celebracións.

Compartir: