Inicio Áreas Cultura Novas A Fundación Araguaney-Puente de...

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas e o Concello de Carballo organizan do 3 ao 18 febreiro o ciclo de cinema euroárabe "Amal en ruta"

As proxeccións serán os xoves e os venres, ás 20.30 horas, e a entrada será libre e de balde ata completar aforo

Mércores 2 de febreiro do 2022

Amal en Ruta celebra o seu quinto aniversario en Carballo cun novo ciclo de cine euroárabe que se desenvolverá dende o xoves 3 ata o venres 18 deste mes de febrero na Biblioteca Rego da Balsa e no Pazo da Cultura. O acceso ás proxeccións, que comezarán ás 20.30 horas, é libre e de balde ata completar aforo.

O ciclo consta de cinco longametraxes -3 ficcións e dous documentais- que teñen acadado un considerable recoñecemento nos principais festivais de cine internacionais e que supoñen un percorrido polo mellor cinema árabe actual.

► Xoves-3 de febreiro, 20:30 horas. Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Entrada libre ata completar aforo

“Gods of Molenbeek (Aatos ja Amine)”. Longametraxe documental. Reetta Huhtanen/ 2019/ Finlandia, Bélxica e Alemaña/ 73 minutos  

O distrito de Molenbeek, en Bruxelas, ten fama de ser un dos epicentros do yihadismo europeo, pero para Aatos e o seu amigo Amine, é simplemente o seu fogar familiar. Xuntos buscan respostas ás grandes preguntas da vida, pero a brutalidade do mundo adulto irrompe cando os terroristas detonan unha bomba no barrio.

Reetta Huhtanen é graduada na ELO Film School de Finlandia, estudou realización de documentais, ademais de licenciarse en Socioloxía e Filosofía. As súas películas "The Coffee Break", sobre tres eternos estudantes, e "Economic Forecasts", sobre o opaco universo da economía, proxectáronse en numerosos festivais internacionais. “Gods of Molenbeek” é a súa primeira longametraxe documental.

► Venres-4 de febreiro, 20:30 horas. Pazo da Cultura de Carballo. Entrada libre ata completar aforo

“200 metros (200 METERS)”. Longametraxe de ficción. Ameen Nayfeh / Palestina, Xordania, Italia, Qatar e Suecia / 2020/ 93 minutos

200 metros é a distancia que hai entre dúas localidades palestinas partidas polo muro de separación israelí, que separa a Mustafa da súa esposa e fillos. Unha distancia que parece insalvable ata que recibe a noticia de que o seu fillo está no hospital.

Ameen Nayfeh licenciouse en Enfermaría, pero o seu amor pola sétima arte levaríao ao mundo do cinema. Dirixiu varias curtametraxes premiadas en citas internacionais e traballou, de maneira independente, en produción de cinema e televisión. “200 Metros” é a súa ópera prima, que recibiu o premioBNL People’ s Choice Award en Venice Days do Festival de Venecia 2020.

► Xoves-10 de febreiro, 20:30 horas. Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Entrada libre ata completar aforo

“The reports on Sarah and Saleem” (Os informes sobre Sara e Saleem). Longametraxe de ficción. Muayad Alayan / Palestina, Países Baixos (Holanda), Alemaña e México / 2018/ 127 minutos

Drama, baseado en feitos reais, sobre a relación adúltera de Sarah, unha muller israelí que dirixe un café no oeste de Xerusalén, e Saleem, palestino de Xerusalén este que traballa como repartidor. Os seus cónxuxes vólvense conscientes dos enganos das súas parellas despois de que Saleem e Sarah peléxense en público, o que sitúa a Saleem no punto de mira das forzas de seguridade israelís.

Muayad Alayan (1985, Palestina) é un cineasta e director de fotografía residente en Xerusalén. Estudou Cinema en San Francisco, onde o seu proxecto de gradación, o documental “ Exiles in Jerusalem” (2005), gañou o Premio Kodak. A primeira longametraxe de Alayan “Ao- hob wa ao- sariqa wa mashakel ukhra / Love Theft and Other Entanglements” (2015) estreouse en Berlín. “ The Reports on Sarah and Saleem” recibiu o Premio do Público e Premio Especial do Xurado no Festival de Róterdan en 2018, os premios á Mellor Película e Mellor Actriz do Festival de Durban en 2018, e o premio a Mellor Película no Festival de Seattle. Alayan é cofundador de Palcine Productions, un colectivo de cineastas e artistas audiovisuais en Xerusalén e Belén. Ademais, traballou como instrutor de cinema e cinematografía en varias institucións académicas en Palestina.

Xoves-17 de febreiro, 20:30 horas. Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Entrada libre ata completar aforo

“The return: Life after ISIS” (O retorno: A vida despois do ISIS). Documental. Alba Sotorra / España / 2021/ 90 minutos  
Narra a historia dun grupo de mulleres occidentais que dedicaron a súa mocidade ao ISIS, pero que agora queren ter a oportunidade de reconstruír as súas vidas en casa. O acceso exclusivo de Alba Sotorra, a directora, ao campo de Al-Roj no nordés de Siria móstranos a dura realidade dun grupo de mulleres atrapadas polo seu pasado como membros de ISIS.   Shamima Begum (Reino Unido) e Hoda Muthana (EE. UU.) marcharon dos seus países manipuladas pola propaganda terrorista e o odio das redes sociais. O arrepentimento sincero merece unha segunda oportunidade? Pódese xustificar que os países occidentais acepten o retorno dos seus fillos, pero rexeiten que as súas nais poidan volver? A directora catalá esfórzase por comprender os matices dunha situación complexa e delicada. O seguimento de dous anos da vida de Shamina, Hoda, Hafida, Nawal e Kimberly ponnos nun lugar incómodo, pero o seu testemuño fainos entender a crueldade, o abuso e a misoxinia que viviron. A sensibilidade de Sotorra ao observar sen prexuízos pon en evidencia a necesidade urxente de establecer un diálogo honesto e empático entre culturas, relixións, xéneros e cosmovisións diferentes. A cinta estivo nomeada nos Premios Goya 2021 na categoría de mellor documental.

Alba Sotorra Clua (Reus, 1980) é unha directora e produtora de cinema documental española. Fundou a produtora audiovisual Alba Sotorra S.L. As súas películas tratan temas contemporáneos relacionados con conflitos políticos, sociais e humanos da actualidade. O seu traballo céntrase sobre todo nas historias humanas que reflexionan, desde unha perspectiva de xénero, sobre temas como a liberdade, a igualdade e a identidade. Alba traballou en Siria, Afganistán, Corea, Bosnia, Cuba, Estados Unidos, Guatemala, Inglaterra, Irán, Paquistán, Porto Rico e Qatar, e viviu longas tempadas en Oriente Medio. As súas películas estreáronse en festivais internacionais como Hot Docs, Xangai International Film Festival, Karlovy Vary e Seminci. Os seus proxectos máis relevantes son as longametraxes documentais Miradas desveladas (2008), Qatar, The Race (2011), Game Over (2015), polo que recibiu un Premio Gaudí á mellor película documental, e Comandante Arian (2018), nomeada aos Premios Gaudí.

► Venres-18 de febreiro, 20:30 horas. Pazo da Cultura de Carballo. Entrada libre ata completar aforo

“Gaza mon amour”. Longametraxe de ficción. Tarzan Nasser e Arab Nasser / Francia, Alemaña, Portugal, Palestina e Qatar / 2020 / 87 minutos

Gaza, na actualidade. Issa, un pescador de sesenta anos, está namorado de Siham, unha muller que traballa no mercado coa súa filla. Cando descobre unha antiga estatúa de Apolo nas súas redes de pesca, Issa escóndea, sen saber que este descubrimento cambiará a súa vida para sempre. Mentres, a súa confianza aumenta e decide achegarse a Siham.

Os xemelgos Tarzan e Arab Nasser naceron en Gaza, en 1988. Estudaron Belas Artes na Universidade da o – Aqsa, onde comezou a súa paixón polo cinema e a pintura. Desde o seu debut, en 2013, cun curto que foi seleccionado para a competición oficial do Festival de Cannes, a súa progresión cinematográfica foi notable, ata chegar a converterse en referentes do cinema palestino.

Amal en Ruta Carballo é un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela en outubro de 2021.

Compartir: