O ciclo de cine euroárabe “Amal en ruta” principia tres meses de “Cultura con forza”
Entre este mes e o de maio desenvolveranse máis de 25 actividades que nos permitirán desfrutar da fertilidade, a creatividade e a enerxía da cultura
Martes 1 de febreiro do 2022
Galeb Jaleb Ibrahim, Xurxo Couto, Evencio Ferrero, Marcos Trigo e Jacobo Sutil (na pantalla), na presentación de "Cultura con forza"
Este ano volvemos a dar acubillo baixo o mesmo paraugas a distintas propostas que tradicionalmente veñen integrando a nosa programación cultural estable desta época do ano: Venres Culturais, Primavera enDanza, Amal en Ruta... Máis de 25 propostas que se concentrarán entre os meses de febreiro e maio, e que nos permiten presumir un ano máis da “Cultura con forza” que temos en Carballo, e non nos referimos só á cantidade, senón tamén, e sobre todo, á calidade.
“Volvemos a reafirmar a importancia da cultura, da súa riqueza, da súa diversidade, da súa vitalidade tamén nos temos máis incertos, da súa pluralidade, da súa fertilidade e creatividade, da súa capacidade para vencer resistencias, para achegarnos a súa enerxía, enriquecernos e darnos pulo. E poñemos en valor esa expresión tan carballesa para reivindicar a vitalidade e a fartura que atopamos na cultura”. Así aludiu o concelleiro de Cultura ao intenso e variado programa que presentou hoxe, acompañado por representantes de entidades e institucións que fan posible esa fortaleza da nosa cultura: Galeb Jaber Ibrahim, presidente de honra da Fundación Araguaney; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, e Jacobo Sutil, director da Agadic, aos que tamén acompañou o alcalde, Evencio Ferrero.
A colaboración entre a Fundación Araguaney e o Concello de Carballo fai posible que por quinto ano poidamos recibir en Carballo o ciclo de cine euroárabe “Amal en ruta”. Cinco anos e cinco novas propostas, entre documentais e longametraxes baseadas en cinco historias reais. “Son co-producións entre distintos países –explicou o presidente de honra da fundación-. Os árabes poñen as historias, e os europeos, a maquinaria, os medios para convertelas en cine. Iso quere dicir que podemos traballar xuntos”. E proba diso, apuntou Galeb Jaber Ibrahim, é que “nestes cinco anos, Amal xa é un palabra que está incorporada ao idioma galego e ao español”.
Galeb Jaber chamou a mirar máis alá das ideoloxías e das relixións, “porque detrás delas hai persoas, xente que come, que sofre...” e que “Amal en ruta” simboliza “a ilusión de facer chegar a esperanza a todo o mundo”, tamén a tantos países árabes onde non teñen a oportunidade de gozar de propostas culturais coma estas.
“A cultura é fundamental”, asegurou o deputado provincial Xurxo Couto, que quixo poñer en valor o traballo do Concello de Carballo, “un referente en programación cultural”, asegurou. A Deputación da Coruña contribúe tamén a que iso sexa así grazas a algunhas das propostas ás que poderemos asistir nos vindeiros meses, coma unha homenaxe teatral a Roberto Vidal Bolaño no seu 20º cabodano, un concerto do premio Narf ou a exposición “100 anos da bandeira galega”, que tanto éxito está colleitando.
Carballo tamén acollerá 11 das 329 funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que depende da Agadic. O director da axencia, Jacobo Sutil, que participou no acto telematicamente, destacou que a programación deseñada pola Concellaría de Cultura é “moi equilibrada e para todos os públicos”, e felicitou ao Concello e á Fundación Araguaney por ofrecer “unha programación que non é fácil ver nas canles habituais”.
O alcalde agradeceu a participación de todas as institucións e entidades representadas no acto, “porque sen o aval, o apoio e o compromiso de todos isto tería un final diferente, e para que sexa un final de esperanza é precisa a colaboración de todos”. Evencio Ferrero insistiu en que “Cultura con forza” simboliza “que queremos unha cultura potente, pero tamén é unha expresión moi nosa que significa abundancia, e debe habela –engadiu- para que a sociedade teña esperanza”.
Todo isto tradúcese en 5 proxeccións de cine, 5 espectáculos de teatro para adultos/as, 3 funcións do ciclo En Familia, 1 actuación musical, 5 espectáculos de danza, 3 exposicións, 2 obras de teatro escolar cunha ducia de funcións, contacontos, concertos do Conservatorio Profesional de Música, Curruncho Pop... En definitiva, unha aposta pola diversidade, a calidade, a cultura galega e a #culturasegura.
Ciclo Amal en Ruta
Xoves 3 de febreiro
20.30 horas
Gods of Molenbeek
Biblioteca Rego da Balsa
Venres 4 de febrero
20.30 horas
200 Meters
Pazo da Cultura
Xoves 10 de febreiro
20.30 horas
The reports on Sarah and Saleem
Biblioteca Rego da Balsa
Xoves 17 de febreiro
20.30 horas
The return: life after ISIS
Biblioteca Rego da Balsa
Venres 18 de febreiro
20.30 horas
Gaza mon amour
Pazo da Cultura
Máis propostas para febreiro
Venres 11
Incendiaria e A Quinta do Cuadrante
A lúa vai encuberta (teatro)
21.00 horas
Domingo 13
Teatro Paraíso
Úniko (teatro en familia)
18.00 horas
Mes de marzo
Venres 4
Pérez & Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego
Os nenos da variola (teatro)
21.00 horas
Venres 11
Caldo Caldo (música folk-fusión)
21.00 horas
Xoves 17
Atalaya Teatro
Celestina, la tragicomedia
21.00 horas
Domingo 20
Pedras de cartón
Quixote (teatro en familia)
18.00 horas
Venres 25
Redrum Teatro
Un home con lentes de pasta
21.00 horas
Domingo 27
Condetrespés
Rastros
20.30 horas
Abril e maio traerán a Primavera enDanza
Venres 22
Colectivo Glovo
EM-NA
21.00 horas
Sábado 23
Fran Sieira Compañía de Danza
DeMente
20.30 horas
Sábado 30
Janet Novás
Mercedes máis eu
20.30 horas
Venres 6 de maio
Otra danza
Vigor Mortis
21.00 horas
Domingo 8
DA.TE
Danza Natanam (en familia)
18.00 horas
Exposicións
#CMPL (Como mirar por luz) de Raúl Marín
Do 9 de febreiro ao 7 de marzo
Andar -1 do Pazo da Cultura
1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio Municipal da Coruña
Do 9 de marzo ao 11 de abril
Andar 0 e andar -1 do Pazo da Cultura
Alberto Gende I Encher o baleiro
Do 11 de marzo ao 11 de abril
Sala de exposicións Alberto Gende, 3º andar do Pazo da Cultura