Inicio Áreas Cultura Novas A Xunta de Goberno Local aprobou a...

A Xunta de Goberno Local aprobou a resolución por mutuo acordo do contrato para a reforma do Pazo da Cultura

A empresa adxudicataria xustificou a imposibilidade de acometer o proxecto polo prezo estipulado debido ao encarecemento dos materiais

Luns 31 de xaneiro do 2022

A primeira fase do proxecto integral de reforma do Pazo da Cultura vai ter que esperar un pouco máis. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a resolución, por mutuo acordo, do contrato coa empresa Desarrolla Obras y Servicios, S.L., que fora adxudicataria das obras por un importe de 409.827 euros. O motivo: o encarecemento dos materiais de construción, que neste caso, segundo os cálculos realizados polos técnicos, supón un 15% de sobrecusto. O Concello de Carballo estudará agora as posibles alternativas de cara a unha nova licitación, porque o que está claro é que o Pazo da Cultura, que este ano celebrará o seu 20º aniversario, precisa unha mellora en profundidade.

O obxectivo do proxecto deseñado polo arquitecto Javier Caamaño é facelo máis cómodo, funcional e accesible, para que tanto o persoal que desenvolve a súa actividade no edificio, coma o alumnado do Conservatorio Profesional de Música e a Escola Oficial de Idiomas, os usuarios e usuarias dos distintos servizos e os nosos maiores, poidan desfrutar dunhas instalacións á súa medida. En definitiva, dar un novo impulso aos múltiples usos que ten o inmoble.

Ao longo destes case vinte anos, o Pazo da Cultura tense convertido nun dos centros culturais máis dinámicos de toda Galicia. Hoxe a Xunta de Goberno Local tamén aprobou, precisamente, un novo convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Axencia Galega das Industrias Culturais para a xestión da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do primeiro semestre deste ano. Esas actividades escénicas forman parte da programación cultural que se desenvolverá nos vindeiros meses e que presentaremos mañá martes, ás 11.30 horas.

Compartir: