Inicio Áreas Cultura Novas O Curruncho Pop sae do seu confinamento...

O Curruncho Pop sae do seu confinamento cun programa aínda máis amplo de concertos e literatura musical

Seis concertos e tres presentacións literarias enchen o cartel, que arrinca este sábado coa única actuación de Jamie Perrett en Galicia dentro da súa xira por España

Mércores 26 de xaneiro do 2022

O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, con Huguette Periscal e María Álvarez, na presentación do 2020

O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, con Huguette Periscal e María Álvarez, na presentación do 2020

O confinamento do 2020 sorprendeunos en plena celebración do Curruncho Pop. Dos catro concertos previstos só se puido realizar o primeiro, no que asistimos a unha colaboración inédita e excepcional entre Huguette Periscal, Maraya Zydeco e Blues Chico que nos deixou con ganas de máis. Tantas, que neste agardado retorno volveremos a ter ás dúas primeiras, aínda que esta vez por separado, no auditorio da Biblioteca Rego da Balsa. Os seus compañeiros de cartel Magín Blanco e Diego Vasallo tamén tocarán e cantarán en Carballo dous anos despois, e aínda que Little Niño non pode acompañarnos nesta ocasión, mantemos o convite para que veñan cando sexa posible.

O Curruncho Pop, organizado pola Concellaría de Cultura para reivindicar a utilización da Biblioteca Rego da Balsa como un espazo no que teñen cabida todo tipo de manifestacións culturais, anticípanos unha primavera cultural de música e literatura (entre outras artes) con forza. Seis concertos e tres presentacións literarias enchen o cartel do 2022, que arrinca xa este sábado. O aforo do auditorio da Biblioteca Rego da Balsa é reducido, así que debes reservar praza no teléfono 981 758 580 se queres asistir (máximo, catro pases por persoa). A entrada, coma sempre, será de balde.

E como queremos que desfrutes da literatura e da música en familia, axustamos os horarios: 19.30 horas para as presentacións literarias e 20.30 para as actuacións musicais. Aquí tes, día a día, o programa para este ano:

29 DE XANEIRO

O Curruncho Pop arrincará xa este sábado con Jamie Perrett, que estará no auditorio da biblio aproveitando a súa xira en solitario por España. Este artista británico comezou a súa traxectoria musical sendo parte do grupo de Babyshambles, de Peter Doherty. Ademais, as súas cancións amosan gran influencia da música do seu pai, Peter Perrett (The Only Ones).

5 DE MARZO

O xornalista musical e doutor en Filosofía Álvaro Alonso presentará o libro ‘Townes Van Zandt. La eternidad en una canción’, un percorrido pola vida e obra do xenial músico norteamericano. A continuación, Hendrik Roever (Del-Tonos) e Óscar Avendaño (Siniestro Total) farán un percorrido musical pola obra do lendario compositor americano.

26 DE MARZO

Luis Lapuente e David Moreu falarán da historia do soul nun percorrido monográfico de dous escritores que teñen publicado unha ampla bibliografía sobre o tema. De seguido actuará Huguette Periscal, unha das voces máis destacadas da escena musical carballesa. Cun rexistro que por momentos nos lembra a Aretha Franklin ou Janis Joplin, conta cunha traxectoria en diferentes bandas como Dude, Sonseis ou o seu proxecto actual, o dúo Quercus Blues. Pechará a banda coruñesa Madame Bird, integrada por músicos de amplo percorrido musical e nas artes escénicas, con Carla de Figueredo á voz.

7 DE MAIO

Desnortadas é unha proposta poético-musical que xorde do último poemario da autora carballesa Rosalía Fernández Rial, Desnortada (Espiral Maior, 2021), que desta volta inclúe un cd con varios dos poemas musicados pola autora, acompañada pola virtuosa acordeonista asturiana María Álvarez Santiago (Maraya Zydeco), considerada como unha das mellores de Europa.

21 DE MAIO

Magín Blanco é un compositor, guitarrista e cantante galego moi coñecido polo público cativo. Pero comezou a súa carreira musical no grupo ourensán La Rosa, co que editou catro discos entre 1988 e 1995. Desde o ano 2006, lanzou tres discos en solitario antes de dedicarse á música infantil. En 2012, máis de trinta músicos (Xoel López, Xabier Díaz, Uxía, Santi Campos entre outros) colaboraron no disco-tributo ‘Doutor Apertas’. En Carballo estará acompañado polo músico, xornalista e escritor ourensán Carlos Rego para presentar o libro Magín Blanco. O camiño da luz, que fai un percorrido biográfico pola particular carreira deste músico.

4 DE XUÑO

Diego Vasallo é un intérprete, compositor e letrista pop, que foi explorando diferentes estilos ao longo da súa carreira (techno, rockbossa novajazz...). É, ademais, pintor e poeta. Coñecido pola formar parte da mítica banda Duncan Dhu, tamén tivo unha ampla carreira en solitario desde os 90. Primeiro en Cabaret Pop e logo como Diego Vasallo. O seu último traballo de estudio Las rutas desiertas (2020), soará en Carballo.

Compartir: